30 de abr. de 2018

O BAIXO MIÑO

Inicio de talleres innovadores no CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián e no CEIP Sobrada de Tomiño 

Impartidos polo persoal laboral de Érguete Baixo Miño 


 Érguete Baixo Miño / O Baixo Miño

 A Asociación Érguete Baixo Miño informa que, os vindeiros mércores, 2 de maio, e venres, 4 de maio, a Educadora Social da Asociación, levará a cabo dous talleres de prevención e promoción da saúde co alumnado ao longo de cinco sesións en cada centro, e que se desenvolverá a través do mes de maio. 

 Por unha banda, cos rapaces e rapazas de 1º, 2º, 3º e 4º de primaria do CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián, desenvolverase o taller de “Mindfulness”, un dos talleres que levamos impartido a máis de 250 alumnos e alumnas de entre 6-10 anos de toda a Comarca do Baixo Miño. Consiste nunha disciplina relacionada co benestar integral, complemento clave para a aprendizaxe social e emocional o cal xera melloras, entre outros, na memoria, na concentración, na resposta inmunolóxica e no auto-control. 

 Non obstante, nesta ocasión, as sesións vanse levar a cabo dende unha perspectiva diferente, traballando á vez, técnicas de “Mindfulness” e Ioga. Con este novo enfoque, búscase reducir situacións de conflitividade, gañar unha mellor regulación das emocións, aumentar a empatía e a compaixón ou minorar os niveis de estrés. Este taller, atópase dentro do programa Empodérate, financiado pola subvención a cargo do IRPF 2017 (execución 2018) ademais da axuda das cotas dos socios. Pola outra banda, a Educadora Social de Érguete Baixo Miño traballará con rapaces e rapazas de 5º de primaria do CEIP Sobrada co taller de “Mediadores Sociais” subvencionado pola Consellería de Sanidade, Dirección Xeral de Saúde Pública, Servizo de Prevención de Condutas Aditivas e pola cota dos socios e socias que forma parte da Asociación. 

 Estamos a falar dun taller que está enfocado para adultos pero que nesta ocasión levarase á cabo con rapaces e rapazas de 11 anos, con contido adaptado e na procura de formar ao alumnado con modelos de actitudes e comportamentos clave dentro da estratexia de prevención de condutas violentas e axuda de resolución de conflitos dentro do mesmo colexio. 

 As accións, levadas a cabo polo persoal laboral da Asociación, sempre levan intrínseco un enfoque de educación e promoción da saúde como referente de cara á prevención de condutas aditivas e nocivas para as persoas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario