11 de abr. de 2018

A GUARDA

Os escolares guardeses participan nas xornadas didácticas da campaña gastronómica «Lamprea do Miño»

A fin de semana de exaltación da lamprea comezará este sábado en once restaurante da vila, onde os comensais poderán degustar este peixe á bordelesa por 18€ a ración.    

Os mozos lampreeiros Hector Morais e Ismael Sousa abraiaron aos cativos e cativas coa súa intervención
Foto: C. A. G.

Sara Alonso / A Guarda

 As cativas e cativos de 6º de primaria dos centros de ensino guardeses participaron esta semana nas xornadas didácticas «Coñecedes a lamprea?», no marco da campaña gastronómica «Lamprea do Miño» organizada polo Concello da Guarda.  

 Un total de 88 escolares dos centros de ensino San José-Hnas. Carmelitas, Padres Somascos, A Sangriña e Manuel Rodríguez Sinde acudiron por quendas durante o luns e o martes á actividade, que se celebrou na Casa dos Alonso. Alí, as cativas e cativos puideron experimentar cos aparellos, redes e traxes de pesca utilizados polos lampreeiros do  Miño, e mesmo analizar de preto unha lamprea ao vivo.  

 A técnica de Turismo do Concello da Guarda, Rosalía Verde, foi a encargada de introducir ao alumnado nas características deste peixe e as técnicas de pesca utilizadas no noso río. Deseguido, puideron ampliar os seus coñecementos coa visualización dun documental, no que un investigador amosou máis polo miúdo as características da lamprea como especie migratoria, e un pescador local amosou dende a súa propia embarcación o  proceso de captura.  

 Os mozos lampreeiros Hector Morais e Ismael Sousa abraiaron aos cativos e cativas coa súa intervención. Cunha ampla experiencia na materia (pois, segundo contaron, introducíronse na profesión da man de seus pais), os pescadores comezaron explicando os trámites necesarios antes do comezo da tempada de peca (tales como a consecución do permiso) e profundaron na riqueza do noso río, así como no seu día a día na pesca. 

 Nesta liña, o alumnado agradeceu especialmente coñecer os elementos de seguridade propios das embarcacións, tales como as bengalas e os salvavidas, ademais do obrigado chaleco.  Os rapaces e rapazas amosáronse moi atentos e curiosos ás explicacións, e mesmo se atreveron a formular as súas ideas e dúbidas.  

 Ao remate das xornadas, o alumnado comprometeuse a realizar uns debuxos centrados na lamprea do Miño, que serán expostos  nos establecementos adheridos á campaña durante a fin de semana.  

 Fin de semana gastronómica 

 A campaña gastronómica «Lamprea do Miño» celebrarase os días 14 e 15 de abril nun total de 11 bares e restaurantes da vila, co obxectivo de potenciar A Guarda como destino gastronómico da lamprea.    

 As veciñas, veciños e visitantes poderán degustar este peixe na súa preparación máis tradicional (á bordelesa) a un prezo único de 18€ por ración. A lamprea enteira  terá un prezo de 50€.  

 Os establecementos adheridos á campaña son: Area Grande, Arruaz, Brétema,  Camping Santa Tecla, Bar Casa Aquilino, La Pìzzicata, Marbella, Marusía,  O Cangrexal, Os Remos e  O Roxo. Dada a larga elaboración que precisa este manxar, aconséllase reservar o prato previamente nos restaurantes. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario