11 de abr. de 2018

A GUARDA

O Congreso do PP da Guarda celebrarase o 5 de maio 

• A Comisión Organizadora do Congreso fórmana  Alfonso Manuel Pérez, Hortensia María Vicente Santiago e María Jesús Martínez Martínez 

• Todos os afiliados do PP da Guarda que aspiren á presidencia do partido terán ata o 24 de abril para presentar por escrito a súa intención de presentarse. 

• As candidaturas deberán ir acompañadas por un mínimo de 100 avais e o prazo para a súa presentación remata o 3 de maio.     
 Infogauda / A Guarda

 O Comité Executivo do Partido Popular da provincia de Pontevedra así como a Xunta  Xestora do PP local deron luz verde á celebración, o próximo 5 de maio, do Congreso Local da Guarda, no que terán dereito a voto os máis de 600 afiliados do partido neste municipio.      

 A Directiva provincial aprobou ademais o Regulamento que rexerá todo o relativo á organización e funcionamento do Congreso así como os membros que forman parte da Comisión Organizadora, Alfonso Manuel Pérez, Hortensia María Vicente Santiago e María Jesús Martínez Martínez. Esta Comisión será a encargada de coordinar, impulsar e dirixir todos os aspectos organizativos do Congreso ata que comece a celebración do mesmo, cando asumirá esas competencias a Mesa do Congreso.  

 Todos os afiliados do PP da Guarda que aspiren á presidencia do partido terán ata o 24 de abril para presentar por escrito a súa precandidatura ante a Comisión Organizadora e poder ter así acceso ademais á documentación relativa ao Congreso.  

 A candidatura deberá ir acompañada por un mínimo de 100 avais, no modelo aprobado ao efecto pola Comisión. O prazo para a presentación de avais remata o 3 de maio.     

 Tanto para ser candidato como para poder avalar ou votar no Congreso será necesario, tal e como recollen os estatutos do partido, figurar inscrito no censo de afiliados. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario