8 de feb. de 2018

VIGO

Feijóo subliña que a mostra sobre Antonio Quesada, na que colabora a Xunta, amosa o enorme potencial creativo de Galicia 

Defende que a nosa Comunidade achegou o seu gran de area á cultura e ao patrimonio universal e continúa a facelo grazas ás novas xeracións de artistas

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo na inauguración da exposición Antonio Quesada Porto, Dende o sentimento


Infogauda / Vigo

 O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na inauguración da exposición Antonio Quesada Porto, Dende o sentimento, o enorme potencial creativo da nosa Comunidade. 

 Neste sentido, salientou o talento dos artistas plásticos, músicos, escritores e actores galegos ao tempo que defendeu que a nosa Comunidade achegou o seu gran de area á cultura e ao patrimonio universal e continúa a facelo na actualidade grazas ás novas xeracións de artistas.  

 Estes, sinalou, estudan e inspíranse en artistas como Antonio Quesada, un artista capaz de capturar a esencia secreta da paisaxe. “Antonio Quesada atopou na paisaxe a liberdade que non encontrou noutros xéneros, converténdose nun dos paisaxistas máis importantes polo seu estilo suxestivo e inconfundible”, subliñou.  

 Ao fío disto, o titular do Executivo galego salientou o talento, a tenacidade e a capacidade de traballo que caracterizaban a este artista autodidacta, atributos que, indicou, comparte o pobo galego.  

 Así mesmo, mostrouse convencido de que os 32 óleos que conforman esta exposición –cedidos pola propia familia do autor e por outras entidades– animarán a todos os visitantes a viaxar a novos mundos e, sobre todo, a descubrir a particular mirada deste galego universal, cuxa forma de representar a paisaxe traspasou as nosas fronteiras para chegar a numerosas cidades de Europa e mesmo dos Estados Unidos.  

 Para rematar, o presidente da Xunta recordou o compromiso do Goberno galego coa arte. Así, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinou un total de 4.000 euros ao proxecto expositivo sobre Antonio Quesada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario