5 de nov. de 2024

O ROSAL

Do Alto da Portela a San Xián nunha nova cita coas andainas interpretativas do Rosal  

Será unha ruta lineal que se celebrará o 17 de novembro pola mañá  

As persoas interesadas en participar poden xa inscribirse enviando un correo electrónico a rutas@orosal.gal   


 Explanada do horizonte, en Portecelo (O Rosal)
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal continúa descubrindo o municipio coas súas andainas interpretativas, pequenos percorridos pola contorna para poñer en valor o patrimonio histórico, cultural, paisaxístico e natural que o conforman, dun xeito ameno, sinxelo e divertido. O domingo 17 de novembro será a quenda da quinta andaina, un roteiro matinal lineal dende A Cruz da Portela ata San Xián. 

 Trátase dunha ruta cunha distancia de 7 quilómetros que permitirá a todas as persoas participantes achegarse ao Camiño de Santiago pola beira do mar, a Portecelo e San Xián, aos petróglifos da Laxe do Lapón e do Alto da Campana e a varios miradoiros que sorprenderán coas súas vistas. A andaina partirá do Alto da Portela para dirixirse ao miradoiro de San Vicente e descender ata a beira do mar despois de desfrutar dos petróglifos do Alto da Campana. Despois, as e os participantes percorrerán tres quilómetros de litoral do Camiño que une a cidade de Porto con Santiago de Compostela, co océano Atlántico a un lado e coa Serra da Groba ao outro. Tras pasar polos núcleos tradicionais de Portecelo, a andaina rematará en San Xián. 

 As persoas interesadas en participar poden inscribirse nesta nova ruta enviando un correo electrónico a rutas@orosal.gal. É imprescindible realizar un rexistro individual para cada unha das persoas participantes. O número de prazas estará limitado a un máximo de 30 persoas e abrirase unha lista de agarda unha vez superado o aforo. Comunicarase ás persoas participantes a hora e o lugar de encontro para a realización da actividade. 

 O concelleiro de Turismo e Deportes, José Carlos Martínez Crespo, destaca que “con cada andaina buscamos ofrecer unha nova perspectiva do Rosal, creando experiencias que permitan descubrir e desfrutar da riqueza que temos ao noso redor. A nosa historia, a nosa paisaxe e a nosa cultura conforman un patrimonio que debemos coidar e compartir”.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario