Un ‘Carnaval animal’ para desfrutar en familia en Tomiño
O auditorio de Goián volverá acoller este domingo 10 de novembro, ás 17.30 h, teatro para todos os públicos, da man da compañía Luz, micro y punto.
Entradas á venda unha hora antes do espectáculo
Infogauda / Tomiño
Tomiño encherase esta fin de semana de maxia, disfraces e animais singulares con ‘Carnaval animal’, un espectáculo de Luz, micro y punto co que o teatro para toda a familia regresará un domingo máis ao auditorio municipal de Goián. Dese xeito, este 10 de novembro, ás 17.30 horas, o público poderá desfrutar dunha historia entrañable que promete facer rir e emocionar con esta obra nominada ao Premio Oh! 2024 das Artes Escénicas de Asturias a mellor espectáculo para a infancia.
A obra ofrecerá unha viaxe polo bosque onde o cuco se disfraza de araña, o cisne de coello coqueto, o dinosauro se viste de tucano e ata un burro se transforma en unicornio. Todo parece preparado para unha gran festa..., ata que aparece o león. Pero este león non é tan fero como parece: detrás do seu ruxido esconde un desexo sincero de atopar amigos e compartir aventuras. O público descubrirá a verdadeira natureza deste león mentres axuda aos seus novos amigos e demostra que ten moito amor que ofrecer.
Un espectáculo inspirado na peza musical de Camille Saint-Saëns titulada ‘El carnaval de los animales’ que conquistará a público de todas as idades. As entradas para acudir ao espectáculo terán un prezo de 3 euros por persoa adulta e de 1,5 euros para menores de 12 anos. As persoas interesadas en asistir poderán mercar as súas entradas de forma presencial no despacho de billetes do propio auditorio municipal de Goián unha hora antes do inicio da obra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario