6 de feb. de 2018

RECANTO DA ARTE

O pintor neoiorquino expón este mes na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a mostra “Mares” cuxa inauguración presidiu o escritor e exministro galego  

CÉSAR ANTONIO MOLINA: “KEITH L. BOYD É UN GALEGO COMO NÓS, E ADEMAIS CAPAZ DE CAPTAR NOS SEUS CADROS O MISTERIO DO MAR DA COSTA DA MORTE” 
  
O escritor i exministro César A. Molina, co artista Keith L. Boyd e o coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez
Fotos: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 O escritor e exministro de Cultura César Antonio Molina presidiu onte na Delegación da Xunta en Madrid o acto de inauguración da mostra “Mares” de Keith L. Boyd no que sinalou do artista neoiorquino que “é un galego como nós” que soubo “captar como poucos a inmensa forza oceánica e todo o misterio que encerra ese mar intensamente azul, denso e misterioso da Costa da Morte”. E engadiu que Keith “é un pintor sibilino que interpreta o que o mar lle comunica a través da mestura de cores, a través do movemento das ondas, a través do seu propio espírito metamorfoseando no irracional”. A exposición poderá verse na Casa durante o mes de febreiro.  

 Na inauguración interveu, en nome do delegado da Xunta en Madrid José Ramón Ónega, o coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen destacou que “Keith pertence a ese tipo de artistas que, sen ser galegos, pintan Galicia e por tanto teñen a posibilidade de acceder ás nosas instalacións”. No caso de Boyd a súa vinculación ven dada ademais pola bolsa que lle concedeu en 2005 a Fundación Torre Pujales, de Corme, onde se trasladou durante unha tempada para pintar in situ as belezas da Costa da Morte. Nos seguintes anos faría tamén varias exposicións en Fisterra, unha delas no mesmo Faro que protexe coa súa luz aos navegantes na punta máis occidental da Península Ibérica. Engadiu ademais que a interpretación que da zona atrévense a dar os pintores pode ser moi variada, “desde a abstracción dalgúns, en que as pinceladas reflicten máis ben a ondada que axita a mente do propio artista antes que o que a súa mirada ve, ata o caso daqueles en que, sen ser totalmente realistas, como Keith, fan que nos sintamos plenamente inmersos nese mar embravecido tan prototípico dese territorio de lenda”. Lembrou Jiménez que a xeografía “é abrupta e salpicada de perigos, como paso a paso, naufraxio a naufraxio, detallou minuciosamente Baña Heim no seu histórico libro sobre o tema, sendo un dos episodios culminantes máis tráxicos o naufraxio do Serpent, o buque-escola inglés que se afundiu en 1890 en Punta Boi e no que perderon a vida 172 guardiamarinas”. Aqueles momentos especialmente sanguentos aparecen tamén, “consciente ou inconscientemente”, na pintura de Keith, “ou polo menos así o entendo eu, cando pon nos seus cadros cores vermellas de diversos tons e para as que non basta só a inspiración do resplandor do atardecer”. Recomendou tamén o coordinador de Actividades “non deixar de ler os textos do catálogo que elaboramos e en especial o prólogo de César Antonio Molina, quen coas súas palabras bendí esta mostra”. 

O artista neoiorquino Keith L. Boyd, afincado en España dende os anos setenta diante da súa obra "Como un abanico"


 O exministro evocou o mar verde ao que cantou o tamén poeta José Ángel Valente para referirse ao Mar de Muxía “Quen puidese andar/sobre as augas verdes/deste mar... Keith L. Boyd faino ao pintalo e cabalga coa súa pintura sobre o mesmo. Mar de illas, mar do máis acó, ou do máis aló. Mar de dentro das rías ou mar aberto xa sen linderos. Mar e ventos que nos liberan das nosas inquietudes existenciais”, dixo.  

 Pola súa banda o artista, tras os agradecementos, explicou que para el a paisaxe galega ten algo que non puido atopar en ningún outro lugar. “Desde o principio sentinme atraido, hipnotizado polo mar e as ondas de Galicia e desde entón non puiden deixar de admiralas e pintalas unha e outra vez”.   

 A exposición de Keith L. Boyd poderá visitarse na Salas A e B ata o 28 de febreiro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas os días laborables. Domingos e festivos, de 10 a 14 horas.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario