A CIG de Vigo chama a mobilizarse para recuperar na rúa os dereitos laborais e sociais roubados
A central celebrou unha asemblea de delegados/as preparatoria do 8 e 10 de Marzo
Ao remate da asemblea, os delegados/as da CIG saíron en manifestación xunto ao colectivo de Xubilados/as e Pensionistas até a dirección provincial da Tesourería da Seguridade Social, na rúa García Barbón, en defensa do sistema público de pensións e para reclamar unhas prestacións dignas
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
A CIG de Vigo celebrou hoxe unha asemblea de delegados/as sindicais para preparar tanto a folga de mulleres do vindeiro 8 de marzo como a mobilización que se desenvolverá na cidade o 10, coincidindo coa celebración do Día da Clase Obreira Galega. Dende a Unión Comarcal fan un chamamento a recuperar na rúa os dereitos laborais e sociais roubados nos últimos anos coa escusa da crise económica.
Os encargados/as de conducir a asemblea, na que participaron varios centos de delegados/as, foros o secretario comarcal, Alberto Gonçalves, a responsábel de Muller da CIG-Vigo, Rosa Chantada, e a secretaria nacional da federación de Servizos, Transi Fernández. O máximo responsábel da CIG de Vigo anunciou que a central está a preparar un informe sobre a situación sociolaboral da comarca “que vai desmontar o falso discurso da recuperación económica”. Neste senso, denunciou a elevada cifra de desemprego que se rexistra mes a mes, sobre todo en sectores fundamentais para a bisbarra.
Ao mesmo tempo, Gonçalves dedicou boa parte da súa intervención a debullar a reforma do sistema público de pensións e as súas consecuencias sobre a clase traballadora. Incidiu en que coa reforma o Goberno central persegue ampliar o negocio dos plans de pensións privados e lembrou que “cartos hai de sobra para manter as pensións, o problema é que están mal repartidos”.
Pola súa banda, tanto Chantada como Fernández explicaron a convocatoria de folga de mulleres do vindeiro 8 de marzo a fixeron un chamamento a secundala de xeito masivo. Lembraron que a convocatoria é unicamente para as mulleres, “aínda que os homes poden axudar na súa divulgación e participando na mobilización que terá lugar o día 8 pola tarde”. A CIG convocou tamén unha concentración de mulleres para ese mesmo día xunto á farola ás 12:30 horas.
A central fai un chamamento a todas as mulleres a secundaron os paros de dúas horas por quenda de traballo convocados para esa xornada nos seguintes horarios: de 00:00 a 2:00 horas para a quenda de noite; de 12:00 a 14:00 horas na de mañá; e de 19:30 a 21:30 horas na de tarde.
Ao remate da asemblea, os delegados/as saíron en manifestación xunto ao colectivo de Xubilados/as e Pensionistas até a dirección provincial da Tesourería da Seguridade Social, na rúa García Barbón, en defensa do sistema público de pensións e para reclamar unhas prestacións dignas. “Reformas dos pepeiros, millóns para os banqueiros”, “Pensións dignas na Galiza”, “Montoro, ladrón, non toques as pensións”, “Non á reforma das nosas pensións” ou “Rajoy escoita as pensións non se tocan” foron as consignas que máis se escoitaron durante o percorrido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario