14 de feb. de 2018

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA SINALIZARÁ POR PRIMEIRA VEZ CON FITOS QUILOMÉTRICOS UNS 1.200 QUILÓMETROS DA SÚA REDE PROVINCIAL DE ESTRADAS   

· O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que a instalación de nova identificación viaria servirá de referencia a usuarios e técnicos de mantemento   

· Investiranse máis de 370.000 euros na actuación, que se dividirá en catro lotes  

EP-3101 Tebra - Tomiño
Foto: D. P.


Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra sinalizará por primeira vez uns 1.200 quilómetros da súa rede provincial de estradas con novos fitos quilométricos. Estes novos sinais identificarán que a vía é titularidade da institución provincial, o seu correspondente inicio e o final, así como a súa quilometraxe, e servirán como referencia e ubicación para usuarios e técnicos de mantemento, segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández.  

 O deputado responsable das vías provinciais destacou que nestes momentos a maior parte das estradas da Deputación non están reseñadas como tales, xa que apenas se fixeron campañas ao respecto por parte dos anteriores gobernos provinciais. Neste sentido, destacou que apenas se instalou sinalización vertical desta tipoloxía na comarca do Salnés e noutros concellos espallados, onde se colocaron ‘monolitos’ co antigo logotipo provincial.  

 O novo contrato aprobado polo departamento de Mobilidade supón a sinalización do 70% do viario que a día de hoxe non está reseñado. Os novos sinais estarán formados por placas rectangulares reflexivas, de deseño atemporal e con certificado de conformidade CE, seguindo o criterio que tamén utilizan o Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia para o seu viario. Aportarán datos da denominación oficial da estrada (EP -correspondente ás iniciais de estrada provincial-), o seu número (cuxas dúas primeiras cifras corresponden aos concellos nos que se ubica e as dúas seguintes ao número de vía provincial dentro do municipio), así como os puntos quilométricos onde están situados, dende o inicio ao final da estrada. Ademais de para ubicar aos condutores servirán tamén como dato técnico para o replantexamento de futuras obras. 

 Benítez apunta que o contrato para o subministro e instalación dos fitos quilométricos divídese en catro lotes -organizados en función do traballo dos vixiantes de zona das estradas provinciais- que suman un orzamento de 370.658,49 euros. O primeiro lote abranguerá as comarcas de Pontevedra, Vigo, Condado e Paradanta (cun orzamento de 82.910,87 euros), onde serán instalados 411 fitos; o segundo lote suporá a colocación de 359 sinais nas comarcas de Pontevedra, Morrazo e Caldas de Reis (cun orzamento de 72.287,83 euros); o terceiro lote suporá a instalación de 428 fitos nas comarcas de Vigo, Baixo Miño, Condado, Caldas e O Salnés cun orzamento de 86.569,73 euros; e finalmente, para as comarcas do Deza, Tabeirós e Caldas destinanse 128.890,06 euros para 640 sinais. 

 Nestes momentos está iniciada xa a tramitación da contratación, que se publicará no BOPPO oficialmente para despois recoller as ofertas de empresas, valoralas e adxudicalas segundo criterios técnicos e económicos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario