BALONMÁN
A Sangriña acollerá o I Torneo Transfronteirizo do Minho
• Este venres 1 de novembro A Sangriña, xunto co pavillón municipal do Rosal, serán as sedes desta nova competición entre Galicia e Portugal
• O evento incluirá partidos entre preseleccións galegas de base e categorías inferiores de equipos galegos e portugueses
• O Mecalia cadete disputará un partido amigable coa Associação de Andebol do Porto ás 17.00 horas no Rosal
• O club estará ademais presente no torneo como anfitrión e a través de catro xogadoras convocadas para as seleccións femininas
Redacción / Deportes
A Guarda vai acoller este venres 1 de novembro a primeira edición do Torneo Internacional Transfronteirizo do Minho, unha nova competición de balonmán organizada por equipos e institucións de Galicia e Portugal para impulsar as relacións deportivas e culturais entre as súas rexións limítrofes. A Sangriña, xunto co pavillón municipal do Rosal, actuará como sede do evento acollendo distintos encontros durante toda a xornada, nos cales participarán varias xogadoras da base do Mecalia Atlético Guardés.
A actividade no pavillón guardés comezará ás 11.00 horas, cun primeiro partido entre a Selección Galega infantil feminina e a Associação de Andebol do Porto sub14 feminina. Tódolos encontros celebrados este venres na Sangriña serán entre as preseleccións autonómicas de base masculinas e femininas e diferentes categorías deste equipo portugués, xunto cun derradeiro partido ás 19.30 horas entre a Selección Galega xuvenil masculina e o Grupo Desportivo e Cultural Azurara:
Pavillón municipal A Sangriña (A Guarda)
11.00 horas
Sel. Galega Infantil Feminina – A. Andebol Porto Sub14 Feminina
12.30 horas
Sel. Galega Cadete Feminina – A. Andebol Porto Sub16 Feminina
15.45 horas
Sel. Galega Infantil Masculina – A. Andebol Porto Sub14 Masculina
17.15 horas
Sel. Galega Cadete Masculina – A. Andebol Porto Sub16 Masculina
19.30 horas
Sel. Galega Xuvenil Masculina – GDC Azurara
Estes partidos servirán de tests para as Seleccións Galegas de base de cara ao vindeiro Campionato de España de seleccións autonómicas (CESA), que se celebrará do 3 ao 8 de xaneiro de 2025 en Cataluña. O Mecalia Atlético Guardés estará presente nas preseleccións deste venres a través das súas catro xogadoras de base convocadas polo conxunto autonómico: Ángela Martínez e Daniela Álvarez (infantil feminina), Julia Lomba (cadete feminina) e Carmen Magallanes (xuvenil feminina).
Pola súa parte, esta primeira edición do evento celebrarase de xeito paralelo no pavillón municipal do Rosal, a súa sede secundaria. Tamén dende as 11.00 horas, as instalacións rosaleiras acollerán diferentes partidos amigables coas categorías mencionadas da AA Porto, pero neste caso ante conxuntos galegos. Entre eles, o Mecalia Atlético Guardés medirase coas súas cadetes ás 17.00 horas co Porto Sub16 feminino, e estará de novo presente nun último encontro entre a preselección Galega xuvenil feminina e o portugués Maia Stars ás 18.45 horas:
Pavillón Municipal do Rosal
11.00 horas
Valinox Novás Infantil Masculino – A. Andebol Porto Sub14 Masculina
12.30 horas
Valinox Novás Cadete Masculino – A. Andebol Porto Sub16 Masculina
15.30 horas
Club BM Porriño Infantil Feminino – A. Andebol Porto Sub14 Feminina
17.00 horas
Mecalia Atl. Guardés Cadete Feminino – A. Andebol Porto Sub16 Feminina
18.45 horas
Sel. Galega Xuvenil Feminina – Maia Stars
Por último, a xornada finalizará coas entregas de premios dos encontros celebrados en cadanseu pavillón, a partir das 19.00 horas:
Entregas de premios
A Sangriña
19.00 horas
Infantil Masculina
Infantil Feminina
Cadete Feminina
Cadete Masculina Sub14 e Sub16
Pavillón municipal do Rosal
20.45 horas
Xuvenil Masculina GDC Azurara
20.00 horas
Xuvenil Feminina Maia Stars
Este evento trátase da primeira edición dun Torneo que “trata de impulsar o territorio transfronteirizo coma destino de natureza e deporte”. A organización, composta pola Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e Deporte Galego, a Federación Galega de Balonmán e os concellos de A Guarda e do Rosal, considera que os encontros deportivos entre os equipos dos municipios do Baixo Miño e do norte do Portugal son demasiado esporádicos.
Nesta liña, esta iniciativa trata de aumentalos, fomentando estas relacións transfronteirizas e que tódolos implicados poidan gozar “da riqueza paisaxística, natural, cultural e gastronómica” da contorna da desembocadura do Miño, e por suposto considera celebrar novas edicións nos vindeiros anos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario