O persoal de xustiza manifestarase este xoves día 15 para esixir a fin das discriminacións laborais
Arredor do 90% das traballadoras/es secunda unha nova xornada da folga indefinida
Durante estes dous últimos días, as traballadoras e traballadores participaron nas asembleas informativas
Fotos: CIG
Infogauda / Galicia
A folga na administración de xustiza suma xornadas mantendo un seguimento de arredor do 90% do persoal e o pulso mobilizador diario para dar visibilidade a un conflito que se prolonga dende hai tes meses. Durante estes dous últimos días, as traballadoras e traballadores participaron nas asembleas informativas convocadas para explicar o contido da xuntanza que o luns mantivo o comité de folga cos directores xerais de Función Pública e Xustiza e que rematou sen acordo.
A folga na administración de xustiza suma xornadas mantendo un seguimento de arredor do 90% do persoal
Aínda que a Xunta se comprometeu a convocar unha nova reunión no prazo desta mesma semana para seguir negociando, até o momento, explica o secretario do sector de Xustiza da CIG, Xesús H. Sánchez, non hai unha data fixada. En todo caso, apuntou, a participación masiva na folga e nas asembleas informativas demostra que o persoal está disposto a continuar adiante co paro indefinido, "porque non podemos consentir que esta sexa a última proposta que nos fan. E se temos que seguir coa folga, seguiremos até onde sexa necesario".
Horas e lugares das manifestacións
O que si está concretado, dentro do calendario de mobilizacións, son as manifestacións que se van realizar nas sete cidades este xoves, 15 de febreiro, ás 12:00 horas, e que sairán dos seguintes lugares:
• Vigo: 12:00 horas, dende a rúa Lepanto até a Xunta de Galiza.
• A Coruña: 12:00 horas, dende os xulgados (rúa Monforte) até a Xunta (Monelos).
• Compostela: 12:00 horas, dende os xulgados (rúa Viena) até a EGAP.
• Ferrol: 12:00 horas, dende os xulgados até a Delegación da Xunta (pasando pola rúa Coruña, rúa Real e Praza de España).
• Pontevedra: 12:00 horas, dende os Xulgados na Parda até a Xunta.
• Ourense: 12:00 horas, dende os xulgados (rúa Velázquez) até a Delegación da Xunta.
• Lugo: 12:00 horas, dende os xulgados até o edificio administrativo da Xunta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario