16 de feb. de 2018

MOVEMENTOS SOCIAIS

Nova mobilización contra a zonificación escolar de Vigo 

Os colectivos opositores desenvolveron unha concentración diante da Xunta

Representantes dos máis de 25 colectivos que se opoñen ao proxecto participaron na concentración convocada pola Federación Olívica da Asociación de Nais e Pais (Foanpas) diante do edificio da Xunta
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A cidade de Vigo acolleu hoxe unha nova mobilización para rexeitar a proposta de zonificación escolar remitida pola Inspección Educativa e reclamar que se paralice a súa tramitación e que se abra un proceso participativo. Representantes dos máis de 25 colectivos que se opoñen ao proxecto -entre eles a CIG- participaron na concentración convocada pola Federación Olívica da Asociación de Nais e Pais (Foanpas) diante do edificio da Xunta, onde deron lectura a un comunicado que foi entregado finalmente por rexistro.

 A protesta tiña por obxectivo expresar novamente o rexeitamento á proposta de zonificación remitida pola Inspección Educativa e solicitar unha vez máis a paralización da súa tramitación e a apertura dun proceso de participación e consenso da comunidade educativa na elaboración do novo mapa escolar.  

 Os colectivos lembran que o pasado 12 de xaneiro xa se mobilizaran diante do edificio autonómico e entregaran un escrito demandando que a proposta volvese ao seu punto de partida e se paralizase a súa tramitación.

 Tamén solicitaran, dada a importancia que esta cuestión implica para a comunidade educativa da cidade, que o proceso de elaboración dunha nova proposta fose participativo, reflexivo, transparente e consensuado. “Na data de hoxe, 16 de febreiro, seguimos a esperar; a Administración proclama que o proceso, participativo, segue aberto; pero non existe tal proceso participativo”, denuncian.  

O Consello Escolar segue sen recibir unha proposta  

 Ao mesmo tempo, critican que o Consello Escolar Municipal, órgano de consulta e participación da cidade de Vigo no que está representada toda a comunidade educativa, segue sen recibir, por parte da Administración, unha proposta a debate.  

 Entenden que esa sería a canle de participación máis axeitada, posto que recolle as achegas dos diferentes sectores da comunidade. “O proceso non poderá ser participativo, reflexivo, transparente e consensuado se a Administración non se abre á participación, á reflexión, á transparencia e á procura do consenso global da comunidade educativa”, rematan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario