Desconvocada a folga en Faurecia Asientos tras comprometerse a empresa a atrasar a rebaixa de salarios
A firma da automoción tamén fai voluntario o traballo en sábado
Asamblea de traballadoras/es de Faurecia, no exterior da factoría
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
A CIG decidiu desconvocar a folga indefinida prevista para este martes en Faurecia-Asientos de Galicia, compañía do sector da automoción con sede no polígono vigués de Valadares, despois de que a dirección se comprometese a atrasar até o mes de xullo a rebaixa salarial pactada co resto de sindicatos que integran o comité de empresa.
Tanto a convocatoria de paro como as mobilizacións desenvolvidas diante das instalacións de Faurecia forzaron a empresa a atrasar até o mes de xullo a rebaixa de 145 euros mensuais (1740 ao ano) a cada traballador/a, cando está previsto que a compañía se atope en plena produción.
A baixada de soldos, que foi pactada en convenio pola dirección e os sindicatos CCOO, UGT, CGT e CSIF, aplicarase finalmente tras as vacacións de verán.
As medidas de presión tamén provocaron que a empresa optase por renunciar á súa intención de que se traballase 12 horas os sábados a cambio de non aplicar a rebaixa salarial.
Deste xeito, a asistencia dos sábados será voluntaria e implicará novas contratacións no caso que non existan voluntarios/as entre o cadro de persoal. Ademais, as horas de traballo serán retribuídas como extraordinarias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario