ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA PARTICIPAR NO DESFILE DE COMPARSAS DE ENTROIDO DE TOMIÑO
AS SOLICITUDES PARA FORMAR PARTE DO ‘VENRES DE FOLIADA’ PODERÁN PRESENTARSE ATA O VENRES 26 DE XANEIRO
Compoñentes dunha das comparsas da edición precedente do ‘Venres de foliada’, en Tomiño
Foto: C. T.
Infogauda / Tomiño
Xa está aberto o prazo de inscrición para participar no tradicional desfile de comparsas de Entroido de Tomiño. Dende onte luns 22 ata o vindeiro venres 26, ambos inclusive, todas e todos os interesados deberán entregar no Rexisto Municipal o impreso de solicitude xunto cun certificado de titularidade de conta do representante ou da comparsa e co seguro de responsabilidade civil. Trátase dun evento que conta “cada vez con máis xente” e que “serve tamén para dinamizar a economía e a hostalaría local, con máis dun millar de persoas que veñen dende moitos puntos da provincia”, asegura a concelleira de Cultura, Ana Cristina Martínez.
Co tradicional ‘Venres de foliada’, que se celebrará o 9 de febreiro ás 21:30 horas, Tomiño arranca o entroido na comarca, xa que é o primeiro dos desfiles de comparsas que se celebran nestas datas no Baixo Miño. En caso de choiva o desfile trasladarase ao venres 16 de xaneiro á mesma hora e, no caso de que ese día persistan as dificultades meteorolóxicas, a Concellería de Cultura determinará se o desfile se apraza ou se cancela.
O ano pasado participaron 20 comparsas, a metade delas con máis de 80 integrantes, e dúas treboadas que ían abrindo o desfile. En total, máis de 1.300 persoas percorreron as rúas do casco urbano, tinguindo de luz e cor a localidade. Na última edición do ‘Venres de foliada’ participaron comparsas de Vigo, Vincios, Mos, Salceda de Caselas, Nigrán e Marín, ademais das máis importantes de Tomiño, como Ciklón, Luces, Estrelas da Noite, Revolucion Show e Alecrín, comparsas cada ano gañan concursos por toda a provincia coas súas carrozas e espectáculos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario