18 de xan. de 2018

O BAIXO MIÑO

CORES TOURÍS DESTACA AS NOVAS LIÑAS DE AXUDAS PARA O TURISMO QUE DEIXARON O ANO PASADO NO BAIXO MIÑO MÁIS DE 110.000 EUROS    

· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra presentou hoxe oito convocatorias que superan os 5 millóns de euros e buscan seguir mellorando a oferta, os recursos e as infraestruturas turísticas 

· Entre as principais novidades, atópase o programa para remodelación de negocios de hospedaxe, con accións de accesibilidade, medidas para incrementar a calidade dos seus servizos, o aforro enerxético e a modernización das súas instalacións  

· Nesta comarca beneficiáronse o ano pasado duas oficinas de turismo, tres fetas de interese turístico galego, un operador turístico e dous concellos para levar a cabo obras de accesibilidade a recursos turísticos 

Na rolda de prensa, o delegado territorial estivo acompañado da xefa da Axencia de Turismo en Pontevedra, María Herrero

Infogauda / O Baixo Miño

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presentou hoxe en rolda de prensa as novas liñas de axudas da Axencia de Turismo de Galicia para o ano 2018, que superan en conxunto os 5 millóns de euros, subvencións que na comarca do Baixo Miño beneficiaron a concellos e operadores por máis de 110.000 euros.  

 Na rolda de prensa, o delegado territorial estivo acompañado da xefa da Axencia de Turismo en Pontevedra, María Herrero.  

 Tal e como explicou Cores Tourís, as novas liñas son oito programas de subvencións dirixidos ao sector turístico da Comunidade, ás entidades locais e a diversos colectivos que inclúen numerosas novidades e amplían o alcance da pasada edición. “A primeira desta liña de axudas sairá mañá venres no Diario Oficial de Galicia, e o resto irán aparecendo nos próximos días ata o 2 de febreiro”, explicou Cores Tourís.  

 O ano pasado, nesta comarca, beneficiáronse dúas oficinas de turismo (Tui e A Guarda); tres festas de interese turístico galego (a do Viño do Rosal, San Telmo de Tui e a Festa da Langosta da Guarda); un operador turístico de Tui e, finalmente, tamén se colaborou económicamente dende Turismo coas obras de mellora de accesibilidade e sinalización de recursos turísticos no medio rural en dous concellos (Tui e A Guarda).  

 O delegado territorial destacou os máis de 110.000 euros que foron destinados a través destas liñas a esta comarca en 2017, destacando que “cos programas que presentamos hoxe queremos seguir a apostar polo turismo, un sector que está a crecer de tal xeito que convertiu a España o ano pasado en referente a nivel mundial, con 82 millóns de visitantes, dos cales o 7% chegaron a Galicia. Queremos implementar este número de turistas a través dun aumento das accións enfocadas ao próximo Xacobeo cun obxectivo claro: chegar a recoller en Galicia o 10% dos turistas que visitan España”.  

 De feito, Cores Tourís recordou que esta mesma semana, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, obtivo o compromiso do Goberno central de tres anos de bonificación fiscal para os patrocinadores do Xacobeo 2021, estendéndoa así aos anos 2019, 2020 e 2021 –noutros anos xacobeos foron dous anos a bonificación fiscal para patrocinio-. Unha decisión que, tal e como recordou o delegado territorial “contribuirá a converter o vindeiro ano santo nunha oportunidade histórica que, ademais de reforzar o Camiño de Santiago, actuará como un dinamizador fundamental no ámbito cultural e económico”. 

Máis de 5 millóns en 8 liñas de axudas 

 As oito liñas de axudas da Axencia Galega de Turismo céntranse en subvencións ás entidades privadas para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento da Comunidade Autónoma de Galicia; subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas; axudas á cooperación entre pequenos operadores turísticos; subvencións á concellos para o apoio, promoción e difusión ás festas declaradas de interese turístico de Galicia; axudas a concellos para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro; axudas ao alumnado do Centro Superior de Hostelería de Galicia e os premios Camiño de Santiago e Galicia Parabéns. 

 En relación as liñas de axudas de Turismo, José Manuel Cores Tourís destacou o plan de renovación de establecementos de aloxamento, cun investimento de 500.000 euros dirixido a estimular, con ata o 35% do custo, a remodelación e modernización das súas instalacións, o que incrementará a calidade do servizo que prestan. Serán subvencionables accións de mellora de accesibilidade, a favor da excelencia ou de aforro enerxético a prol da sustentabilidade ambiental, entre outras.  

 No eido privado, tamén se incentivará a cooperación entre pequenos operadores, de xeito que deseñen e comercialicen produtos turísticos innovadores conxuntamente. A súa oferta deberá basearse en produtos que diferencian e enriquecen a Galicia como destino, como o Camiño de Santiago, a natureza, os balnearios, a enogastronomía, o turismo mariñeiro, a ruta das camelias, faros e praias salvaxes, patrimonio oculto ou santuarios máxicos. Tamén produtos dirixidos ao público familiar, ao turista sénior, unha oferta para xornadas de choiva, produtos temáticos para fins de semana ou centrados nos diferentes núcleos históricos.  

 Máis colaboración coas entidades locais 

 Para afondar na colaboración coa administración local, Turismo de Galicia amplía os fondos dirixidos a concellos, mancomunidades ou xeodestinos, entre outros. A liña para melloras nas súas infraestruturas incrementase en 1 millón de euros ata os 2,5 millóns. Ademais, mentres que ata agora procedían de fondos europeos, agora pasan a ser fondos propios.   

 Máis de 200 entidades locais beneficiáronse deles nos dous últimos anos. Agora, amplíanse os conceptos subvencionables, pois ademais de sinalización e accesibilidade dos recursos, incluiranse actuacións de embelecemento dos accesos, das contornas, dos Bens de Interese Cultural (BIC) xa declarados ou en proceso de selo e iniciativas de posta en valor turístico.  

 O apoio dos concellos ás 23 festas de Interese Turístico de Galicia na provincia de Pontevedra, a súa promoción e difusión tamén forman parte das novas liñas de axuda presentadas hoxe. Igualmente, as subvencións para os concellos declarados municipios turísticos de Galicia, de xeito que podan reforzar o persoal das súas oficinas de turismo de xuño a setembro.   

 Premios Galicia Parabéns 

 Finalmente, esta ambiciosa convocatoria de axudas, que se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 23 de xaneiro ao 2 de febreiro, complétase coa cuarta edición dos Premios Camiño de Santiago, dirixidos a entidades locais, asociacións xacobeas, pemes, centros de ensinanza básica e investigadores; e coa segunda e terceira edición dos Premios Galicia Parabéns, tamén dirixidos aos concellos en recoñecemento ás súas iniciativas de mellora, de conservación e de embelecemento das súas paisaxes e os seus núcleos de poboación.  

 Estes últimos contan con dúas categorías complementarias. A primeira premia iniciativas ou actuacións realizadas na última década para acadar unha mellora da paisaxe, integración adecuada de elementos como estradas, industrias ou canteiras ou a propia mellora estética. A segunda categoría recoñece os mellores proxectos de revalorización e embelecemento. O seu orzamento será de 200.000 euros para 2018 e 600.000 euros máis para o próximo ano.  

 “Desestacionalizar e diversificar” 

 Como sinalou Cores Tourís, con todos este fondos, que superan os 5 millóns de euros, se busca “facer de Galicia un destino cada vez mellor, máis competitivo e de maior calidade”. 

 “Queremos seguir afondando na desestacionalización da demanda e a diversificación da nosa oferta, de xeito que todos os galegos poidan experimentar os beneficios económicos, sociais e culturais que a actividade turística pode supoñer”, afirmou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra.  

 Despois dun ano 2017 “formidable” no cuantitativo e no cualitativo, estas subvencións “dan continuidade a programas de grande éxito en convocatorias pasadas, crean outras novos e aumentan a contía e o alcance dos existentes” para, como declarou José Manuel Cores Tourís, continuar avanzando cara aos obxectivos plasmados na Estratexia do turismo de Galicia 2020. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario