29 de xan. de 2018

MOVEMENTOS SOCIAIS

Manifesto, concentracións 31 de xaneiro de 2018 

Por unhas pensións dignas 


COLECTIVO DE XUBILADOS/AS E PENSIONISTAS DA CIG

 Vimos escoitando desde hai un tempo todo tipode informacións e opinións sobre a viabilidade do sistema público de pensións nun futuro próximo. Vense falando sobre a capacidade para pagar aos pensionistas actuais nos próximos anos, e mesmo sobre se se poderán seguir pagando as pagas extras.  

 Non nos deixemos enganar. Estas son as mesmas mentiras de sempre, por moito que as disfracen de rigorosas análises feitas por supostos “expertos”.  

 O que se pretende, unha vez máis, é xustificar o desmantelamento do sistema público e universal das pensións e favorecer os plans privados de pensións dos que se enriquecen as grandes empresas e bancos que as xestionan.   

 Nos últimos anos, coas sucesivas reformas aprobadas tanto polo PSOE como polo PP, pasamos por que en varios exercicios non se revisara o importe nominal das pensións, ou que se fixera por baixo da inflación, ata que no 2013 o PP eliminou a lei que establecía o IPC para o cálculo do incremento das pensións, promovendo un duro recorte que nalgúns casos pode reducir ata nun 20% as futuras pensións, a conta das mentiras sobre o aumento da esperanza de vida.  

 Esas reformas aprobadas polos gobernos alternos de PSOE e PP,complican cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, diminúen as contías das pensións de quen accede ao sistema e atrasan a idade efectiva de xubilación. 

 Como resultado, na actualidade temos un maior empobrecemento das persoas pensionistas. Perto dun 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo e seguen aumentando as diferenzas, como o demostra que as pensións na Galiza estean máis de 15 puntos por baixo da pensión media do Estado español.  

 Ademais, cómpre lembrar que, como noutros ámbitos, tamén no caso das pensións as mulleres son as máis prexudicadas, por teren unha unha vida laboral máis precaria e con importantes lagoas de cotización, que xunto ás altas taxas defeminización das pensións non contributivas, fai que 1 de cada 4 mulleres maiores de 65 anos estea baixo a liña da pobreza.  

 A todo isto hai que sumar o roubo que desde o Estado se perpetra ás pensións dos/as emigrantes retornados/as, o estabelecemento polo Partido Popular derepagamentos na sanidade, a retirada do financiamento públicode medicamentos moi usados, ou o recobro dos medicamentos que se dan nas farmacias dos hospitais, afectándonos especialmente a pensionistas e persoas con enfermidades crónicas, converténdose nun novo imposto á enfermidade. 

 Desde o COLECTIVO DE XUBILADOS/AS E PENSIONISTAS DA CIG temos claro que debemos propiciar a mobilización e a participación activa do colectivo das persoas pensionistas e xubiladas na esixencia de cambios na actual situación.   

 É necesario que nos mobilicemos para que se derroguen todas estas políticas e reformas.É urxente que defendamos o sistema público de pensións, o poder adquisitivo das pensións, e o dereito a que as pensións mínimas sexan iguais ao Salario Mínimo Interprofesional.  

 Ante as ameazas constantes ás nosas pensións, mobilicémonos na defensa dos nosos dereitos!  

 POR UNHAS PENSIÓNS DIGNAS! 
NON Á PRECARIEDADE! 
NON Á POBREZA!

Ningún comentario:

Publicar un comentario