19 de xan. de 2018

GALICIA

O BNG ACADA UN ACORDO UNÁNIME PARA MELLORAR A SEGURIDADE VIARIA NO CAMIÑO PORTUGUÉS   

Bará reclamou ademais  garantir a mobilidade ciclista e peonil entre Tui e Santiago de Compostela    

Luís Bará, parlamentario do BNG por Pontevedra, na comisión 2ª de Ordenación do Territorio
Foto: BNG

Infogauda / Santiago de Compostela

 A proposta do BNG defendida polo deputado por Pontevedra, Luís Bará para mellorar a seguridade viaria do Camiño Portugués acadou a unanimidade da comisión 2ª de Ordenación do Territorio celebrada onte no Parlamento galego.  

 O acordo contempla o apoio á mesa permanente do Camiño de Santiago portugués, fomentar  a comisión de seguridade viaria do Camiño creada pola subdelegación do goberno priorizando as actuacións para eliminar os puntos conflitivos denominados puntos  negros. Ademais, o acordo aprobado onte, por iniciativa do BNG, promoverá, en colaboración con diversas institucións, vías  alternativas nas que o actual trazado do Camiño non garanta a seguridade viaria dos peregrinos a pe e en bicicleta. Bará defendeu incluír no texto  un punto para crear “un plan de mellora ciclista no tramo do Camiño portugués entre Tui e Compostela” finalmente recollido tamén  no  acordo.  

 O parlamentario do BNG agradeceu o apoio de todas as forzas políticas á iniciativa nacionalista e anunciou que as medidas deben implementarse no “prazo máis breve” posible ante os problemas que está a xerar a inseguridade viaria no Camiño de Santiago que rexistra unha grande afluencia de peregrinos a pe e en bicicleta.  

 Para o parlamentario, este é un primeiro paso na senda de resolver as deficiencias no Camiño de Santiago e a Xunta ten “competencias en materia do Xacobeo e nomeadamente  nesta ruta”, así como a súa atención e promoción. Neste sentido, as medidas do acordo beneficiarán a todos os usuarios e usuarias do Camiño pero sobre todo incrementará a seguridade viaria que na actualidade presenta  deficiencias e riscos, concluíu.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario