22 de xan. de 2018

DEPORTES

O Goberno de Carmela Silva aproba 600.000 euros en axudas para o deporte federado 

A presidenta da Deputación de Pontevedra mostrouse moi satisfeita polo esforzo para "poder sacar as bases xa en xaneiro, para que os clubs poidan mellorar a súa planificación"

Xunta de Goberno da institución provincial 
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou que a Xunta de Goberno da institución provincial aprobou as bases das subvencións a clubs deportivos sen ánimo de lucro que participen en competicións federadas de ámbito inferior a nacional no ano 2018.  

 Carmela Silva explicou que "ao igual que no 2016 e no 2017, estas subvencións teñen un orzamento de 600.000 euros, dos cales cincocentos mil serán para o deporte base e cen mil para clubs de fútbol de rexional preferente."  

 Esta convocatoria ten por obxecto regular as axudas destinadas a clubs deportivos sen ánimo de lucro para apoiar a súa participación en ligas e competicións oficiais de ámbito comarcal, provincial e autonómico convocadas por organismos oficiais ou por federacións deportivas galegas nas modalidades con implantación na provincia de Pontevedra.  

 A presidenta de Deputación de Pontevedra manifestou a súa satisfacción "polo esforzo desenvolvido desde a Deputación para poder sacar estas subvencións no mes de xaneiro" e destacou que "isto vai permitir unha mellor planificación para os clubs da provincia". En relación á data de aprobación das bases, Carmela Silva tamén explicou que "como estas subvencións sempre se aprobaban no primeiro semestre do ano, xa o ano pasado marcámonos como obxectivo prioritario sacar as bases no primeiro trimestre do ano, conseguímolo con esforzo e este ano adiantámonos máis aínda."  

 Para rematar, a presidenta da Deputación de Pontevedra apuntou que "no 2017 estas subvencións beneficiaron a máis de 460 clubs da provincia" e resaltou que "así como antes de que nós chegásemos estas subvencións dábanse a dedo, agora se dan a través de bases transparentes, con criterios obxectivos e onde poden participar todos os que cumpran as bases."  

 O prazo de solicitude para optar a estas subvencións estará aberto ata o vindeiro 23 de febreiro.        

Ningún comentario:

Publicar un comentario