20 de xan. de 2018

CULTURA

RECANTO DA ARTE

CACHI: PINTOR DA BIODIVERSIDADE MIÑOTA   

Antonio Martínez Martínez (Cachi), diante dunha das súas obras que expón ata o 31 de xaneiro de 2018, na Casa de Galicia en Madrid

Ricardo Rodríguez Vicente

 Camiño do medio século de traxectoria creativa, o pintor Antonio Martínez Martínez (Cachi), ten ben acreditada a súa vocación como artista plástico. En todos eses anos mantivo un compromiso persoal co Medio Ambiente natural, no cal se inspira e no que a pegada humana percíbese na arquitectura etnográfica dos muíños hidráulicos do Folón e do Picón, que nos evocan antigas moendas de cereal.   

 Cachi mergúllase na biodiversidade do Baixo Miño e no litoral atlántico, para levar aos seus lenzos o rumor dos piñeiros, a sombra dos alisos e mesmo o incesante fluír acuático do caudal do río Carballas, que no seu tramo final, antes de fundirse no río Miño, mimetiza o seu hidrónimo coa contorna, e por iso os aldeáns denomínanlle O Tamuxe.   

 O pintor da Guarda vén prospectando toda a ribeira miñota e a costa marítima, para brindarnos unha produción artística coherente co seu ideal naturalista. É por iso, que nas súas obras podemos avistar o horizonte desde o lugar mesmo onde un pescador de cana móstranos a súa silueta a contraluz no atardecer salobre. Alí onde a ondada incesante, cabalga cara á rompente, liberando no aire átomos de sal iodada e aromas de algas mariñas. E na baixamar, a macro paisaxe intermareal móstranos unha variedade de coios dun suxestivo cromatismo que contrasta coas graníticas rochas que lles contemplan. É aí, onde o pintor deixa que os seus pinceis, como un complemento das súas extremidades superiores, lévenlle ao lenzo o que os seus ollos inquedos están a captar.   

 Todo iso, monte, río e mar, como unha triloxía da Natureza, atopámolo na obra deste artista. E ás veces, a figura humana tamén se fai sentir no espazo pictórico intemporal de Cachi.   

 Cachi é un pintor realista e a súa obra así o acredita. Non é dado a artificios fútiles, que poidan estar de moda nun momento dado e logo non din nada. Ao contrario. Os seus cadros son a realidade da que aínda podemos gozar quen temos a fortuna de vivir en Galicia, onde o paraíso existe e está ao alcance da man.

Ningún comentario:

Publicar un comentario