22 de xan. de 2018

A GUARDA

O CONCELLO CELEBRARÁ UNHA XUNTANZA INFORMATIVA SOBRE A HUMANIZACIÓN DA RÚA CONCEPCIÓN ARENAL

O vindeiro xoves, día 25 de xaneiro, ás 21:00 h., no Centro Cultural da Vila


Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 O executivo municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz ven de faer público que o vindeiro xoves día 25 de xaneiro, ás 21:00 horas no Centro Cultural da Vila, o Concello da Guarda celebrará unha xuntanza na que o equipo de goberno ofrecerá información sobre o proxecto de humanización da rúa Concepción Arenal a todas aquelas persoas que asistan. 


 O proxecto 

 O pasado día 3 de xaneiro, o Concello da Guarda e a Deputación de Pontevedra asinaron o convenio de colaboración para executar as obras de urbanización da rúa. No documento recóllese o compromiso da institución provincial de asumir o 70% do custe da obra (1.119.128 €), mentres que o Concello asumirá o restante 30 % (479.626 €). 

 Esta actuación contempla a renovación de tódolos servizos da parte máis alta da rúa, ata o cruce con Domínguez Fontela. A nova vía terá unha plataforma única en toda a súa lonxitude, creando un espazo de lecer na praza Avelino Vicente e ampliando as zonas de espallamento no entorno de San Bieito. Terá unha circulación de vehículos calmada, cunha limitación de 20 km/h para favorecer a mobilidade peonil. A circulación será en dobre sentido en toda a rúa, permitindo a subida de autobuses e transportes pesados. A plataforma única permite delimitar con mobiliario as zonas destinadas a circulación de vehículos e o espazo para os peóns.   

 Para humanizar a rúa, tamén será necesario reubicar as prazas de estacionamento que existen na actualidade. Neste sentido, xa se habilitaron 30 novas prazas na última reforma da rúa Manuel Álvarez e, ademais, o Concello creará novas zonas de aparcamento para que, cando remate a obra, a oferta de estacionamento -a unha distancia de 5 minutos de calquera punto da rúa- sexa maior que a actual. 

 Esta é unha actuación de gran importancia para A Guarda, posto que afecta a unha das nosas rúas principais. É por isto que o equipo de goberno, consciente de que as obras sempre producen molestias, leva tempo traballando co obxectivo de minimizar os inconvenientes. Nesta liña, realizouse un estudo das alternativas de tráfico e das fases de execución, para que a repercusión das obras nos meses de verán sexa nula. Unha vez realizada a licitación por parte da Deputación, a empresa adxudicataria e o Goberno local sentaranse para programar a súa execución. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario