3 de dec. de 2017

TRIBUNA ABERTA

A QUEN CORRESPONDA   

 Con este escrito quero facer pública a miña queixa respecto ao horario de apertura dos auditorios ou centros culturais da comarca, antes de dar comezo as actuacións programadas. Dun tempo para acó colleuse o malo costume, baixo o meu punto de vista, de permitir o acceso do público á sala, cun tempo aproximado duns 10 minutos de antelación e ás veces mesmo menos. Mentres tanto o respectable, ten que estar no mellor dos casos, no vestíbulo do auditorio ou do centro cultural. Pero con anterioridade, os cidadáns, estiveron a pé firme, no exterior, como está a pasar a gran maioría das veces no Auditorio Municipal do Rosal.    

 Os organizadores non se dan conta - ou non deben darse conta – que as persoas que estamos fora esperando a que abran as portas nos meses de outono ou inverno, estamos a pasar frío ou outro tipo de inclemencias, e hai mesmo xente maior que non pode permanecer moito tempo de pé, pero ten que “soportar” o devandito sacrificio para poder coller sitio e poder gozar da función programada. Na miña opinión sería moito máis práctico e moito mellor para todos, que abrisen con media hora de antelación a sala. Dese modo, o público ía entrando e acomodábase tranquilamente nos asentos.   

 Considero que a miña proposta non está fóra de lugar, tendo en conta que veño comprobando como moitas persoas opinan do mesmo xeito que eu, e penso que o público tamén merecemos un respecto. 

 Joaquina Martínez García

Ningún comentario:

Publicar un comentario