O PP critica que mentres as demais deputacións se coordinan coa Xunta para o novo modelo de emerxencias, a presidenta da de Pontevedra está totalmente desaparecida
• “Desconfiamos que os informes dos técnicos, aos que o Goberno Provincial non deixa que acceda o Partido Popular, din o contrario do que dixo ata o momento Carmela Silva publicamente, de maneira que nin o servizo resultaría máis barato nin se garante que se manteñan todos os postos de traballo actuais”.
Ángel Moldes Martínez, voceiro do PP de Pontevedra
Infogauda / Pontevedra
O voceiro do PP de Pontevedra, Ángel Moldes Martínez, lamenta o atraso que leva a Deputación de Pontevedra con respecto as demais deputacións, como a de Lugo ou A Coruña en materia de emerxencias. “Carmela Silva chegou á Deputación de Pontevedra coa promesa de transformar o servizo de emerxencias e que pasase a xestionarse directamente pola Administración, pero agora nin está nin se lle espera. Mentres as demais deputacións se están coordinando coa administración autonómica, a presidenta da Deputación de Pontevedra está totalmente desaparecida”.
Os populares cren que son varias as razóns as que vencellan o mutismo de Carmela Silva sobre esta cuestión. A primeira, segundo Ángel Moldes, é que o Goberno Provincial nunca pensou que a Xunta de Galicia fose permitir a xestión directa dos parques.
Unha segunda razón que levaría á presidenta Carmela Silva a perder agora de repente todo o interese en mellorar o servizo de emerxencias podería ser, segundo sospeitan os populares, que o a xestión directa non sexa, como ela dixo en varias ocasións, menos custosa que a xestión indirecta. “Desconfiamos que os informes dos técnicos, aos que o Goberno Provincial non deixa que acceda o Partido Popular, din o contrario do que dixo ata o momento Carmela Silva publicamente, de maneira que nin o servizo resultaría máis barato nin se garante que se manteñan todos os postos de traballo actuais”.
Nesta liña, Ángel Moldes, sinala que o que si está demostrado con feitos e á vista da pouca colaboración da Deputación de Pontevedra é que non teñen ningún interese en mellorar o servizo de emerxencias na provincia.
“Agora que o cambio de formato está xa plantexado e que as demais deputacións comezaron a dar pasos en firme para que a xestión directa sexa unha realidade, optando polo diálogo e a cooperación, demostrouse que o único que fixo a Deputación de Pontevedra ata o momento foi instrumentalizar politicamente o tema de bombeiros, porque parece o único no que son especialistas é na confrontación e en parecer que fan, cando a realidade é que a súa xestión e cooperación é nula”, explica Moldes.
O mesmo se pode dicir do seu nulo interese en abordar a comarcalización dos parques de bombeiros da provincia. O que transloce esa actitude é que a prioridade da Deputación é confrontar coa Xunta de Galicia e que mellorar o modelo de emerxencias non lle interesa en absoluto se iso supón chegar a acordos coa Administración autonómica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario