7 de dec. de 2017

O BAIXO MIÑO

A XUNTA DE GALICIA CONTRATA A 3 TÉCNICOS PARA REFORZAR O SERVIZO DE ORIENTACIÓN LABORAL E MELLORAR AS OPORTUNIDADES DOS DESEMPREGADOS DO BAIXO MIÑO  


· A Xunta destina a este reto 550.000 euros na provincia de Pontevedra que permitirán contratar a un total de 45 novos técnicos que prestarán especial atención aos parados de longa duración en 18 oficinas de emprego   

· Pontevedra contará, deste xeito, cunha rede de profesionais especializados en accións para incrementar a empregabilidade das persoas sen emprego, e, sobre todo, aos colectivos con especiais dificultades de inserción  

· As persoas que buscan un traballo reciben información sobre o mercado, sobre formación profesional e obteñen un itinerario personalizado para a súa inserción laboral   

· O servizo tamén está enfocado ás empresas, xa que os orientadores contactan coas firmas para difundir as súas iniciativas e coñecer as necesidades do sector 

· Esta actuación enmárcase na Axenda 20 para o Emprego que inclúe entre os seus obxectivos principais un novo modelo de orientación aberta achegando o servizo ás persoas demandantes de emprego e ao tecido empresarial 

José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra


Infogauda / Pontevedra

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asegurou esta mañá que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá 550.000 euros na provincia de Pontevedra co obxectivo de reforzar o servizo galego de orientación laboral a través da contratación de 45 técnicos en 18 oficina de emprego que axudarán ás persoas sen emprego a mellorar as súas oportunidades laborais, co obxectivo de que poidan insertarse no mercado de traballo o antes posible e nunhas condicións axeitadas ao seu perfil profesional. 

 Na comarca do Baixo Miño serán 3 os novos orientadores profesionais da oficina de emprego de Tui, que prestarán especial atención aos parados de longa duración. É unha medida que forma parte do reforzo que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está acometendo no Servizo Público de Emprego de Galicia.   

 Estes novos profesionais incorporaranse proximamente o seu novo labor unha vez que rematen a formación específica, tanto teórica como práctica, que recibirán a partir da semana que vén no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG).   

 Os orientadores facilítanlles ás persoas desempregadas información actualizada sobre o mercado de traballo, sobre accións de formación profesional para o emprego e o proceso de recoñecemento da experiencia laboral coas que poden mellorar a súa cualificación. Así mesmo, elaboran diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados, que obteñen un itinerario personalizado de emprego para a súa posterior inserción laboral.  

 O servizo tamén está enfocado ás empresas, xa que os traballadores desta rede especializada na orientación contactan coas firmas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das súas necesidades, ao tempo que lles informan sobre os diferentes incentivos cos que conta a Administración autonómica para a contratación.   

 O Goberno galego pretende con esta actuación incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, prestando especial atención aos colectivos con dificultades de inserción a través de accións de atención constante e especializada en orientación profesional para o emprego e asistencia para o autoemprego.   

 Orientación aberta 

 Esta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria enmárcase na Axenda 20 coa que se está a impulsar a calidade e estabilidade no mercado laboral ata 2020. Preténdese poñer en marcha, entre outras medidas, un novo modelo de orientación aberta, achegando o servizo aos usuarios e combinando accións presenciais e online; ademais de potenciar a atención a empresas tanto desde as oficinas de emprego como nas de apoio á empresa, orientándoas a servizos, pemes e emprendedoras.   

 Así mesmo, a Xunta quere afondar na formación continua do persoal técnico propio do Servizo Público de Emprego de Galicia, así como o dos centros colaboradores e demais persoal de apoio ao emprego e o emprendemento, desenvolvendo un currículo específico e especializado en relación aos servizos que se prestan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario