O DEPUTADO UXÍO BENÍTEZ VISITA A MELLORA DA CONTORNA DO SANTUARIO DA FRANQUEIRA, FINANCIADO POLA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
O responsable de Mobilidade destacou a “sensibilidade patrimonial” da actuación, xa que se mellorou a estrada provincial adaptándose á singularidade do santuario
O alcalde de A Cañiza, Miguel Adolfo Domínguez, que acompañou ao deputado Uxío Benítez Fernández, manifestou a satisfacción pola reforma do espazo
Fotos: D. P.
Infogauda / A Franqueira
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández supervisou hoxe as obras de mellora da contorna do santuario de A Franqueira en A Cañiza realizadas pola Deputación de Pontevedra. O responsable das infraestruturas provinciais destacou “a sensibilidade patrimonial” da actuación, xa que a reforma da estrada provincial que coincide coa avenida José María Millán fíxose tendo moi en conta a singularidade do santuario.
Benítez manifestou estar moi satisfeito cos traballos, xa que ao seu entender son un exemplo de como cando unha estrada provincial pasa por un núcleo debe adaptarse ás súas características. “Este é o tipo de proxectos que o departamento de Mobilidade quere promover”, dixo, para destacar que a filosofía da Deputación pasa por “un tratamento específico nas áreas de especial interese para poñer en valor o patrimonio e integralo en cada actuación”, tal e como está recollido no punto sexto do Decálogo de criterios de actuación para as estradas provinciais.
O responsable provincial de infraestruturas lembrou que as obras do Santuario da Franqueira comezaron no mes de xuño despois de irregularidades do proxecto e falta de autorizacións herdadas do anterior goberno provincial e que tivo que solventar o actual departamento de Mobilidade. A autorización de Patrimonio chegou en maio deste ano e as catas esixidas nas inmediacións do santuario e nas neveiras situadas das inmediacións do parque eólico comezaron de xeito inmediato.
Segundo explicou Benítez, a mellora do contorno do santuario consistiu no soterramento das liñas eléctricas e de telefonía, así como en cambiar o pavimento de asfalto por outro de maior entidade, con lastro de pedra en cantos rodados en cores negra, marrón e branca creando círculos na rúa principal. Estes 21 círculos, segundo se recolle no proxecto construtivo, responden aos XXI séculos do cristianismo, unha idea aportada polo propio párroco do santuario.
Así mesmo, coa reforma melloráronse os miradoiros, o ‘Coto da vella’, o Viacrucis, o cemiterio (cunha nova pavimentación de pedra) e o lavadoiro, e incluíronse cambios na sinalización turística. A actuación singular na Franqueira contaba co visto bo do Concello e fora deseñada por unha asistencia técnica contratada polo anterior goberno provincial en 2015. As obras tiveron un orzamento de 251.115,73 euros.
Pola súa banda, o alcalde de A Cañiza, Miguel Adolfo Domínguez, que acompañou ao deputado Uxío Benítez, manifestou a satisfacción pola reforma do espazo. “Esta actuación pon en valor toda a contorna do santuario, que é o que hai que valorar aquí. É unha das primeiras actuacións que se están a realizar e nas que se conta co apoio de todas as administracións”, dixo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario