9 de nov. de 2017

TOMIÑO

DEZAOITO ENTIDADES TRABALLAN EN 9 PROPOSTAS DE COOPERACIÓN ENTRE CERVEIRA E TOMIÑO 

O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE IDEAS PARA A SEGUNDA EDICIÓN DO ORZAMENTO PARTICIPATIVO TRANSFRONTEIRIZO ESTARÁ ABERTO ATA O VINDEIRO 30 DE NOVEMBRO



Infogauda / Tomiño 

 A segunda edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) comeza a dar os seus froitos. En total, 18 entidades están traballando na elaboración de 9 propostas de cooperación entre Cerveira e Tomiño en tres áreas de acción:  Educación e Cultura, Deportes e Lecer e Territorio e Ambiente.  

 O prazo de presentación de propostas estará aberto ata o vindeiro 30 de novembro. Calquera iniciativa deberá ser presentada obrigatoriamente por ao menos unha entidade, unha asociación ou un cidadán particular de cada un dos dous concellos participantes.  

 O envío das propostas deberá realizarse a través dun formulario habilitado na web participacerveiratomino.eu e poderá acompañarse dun vídeo promocional dun máximo de 3 minutos. Esta mesma páxina ten á disposición de todo o público un foro de debate no que intercambiar ideas ou buscar posibles socios para os proxectos.  

 Nestes intres algunhas entidades están traballando de xeito simultáneo na elaboración de varias propostas e un equipo técnico do OPT está axudando ás entidades que o precisan a poñerse en contacto entre si para poder levar a cabo as ideas deseñadas.  

 O Orzamento Participativo Transfronteirizo trátase dun proxecto pioneiro na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que busca implicar á poboación de Cerveira e Tomiño na procura de solucións para necesidades comúns. Está incluído na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, proxecto cofinanciado ao 75% polo Programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.  

 Unha vez finalizado o prazo de presentación, as propostas serán analizadas ata o 7 de decembro e, tras un período de reclamacións, cerveirenses e tomiñenses poderán votar o seu proxecto preferido entre o 20 de decembro de 2017 e o 20 de febreiro de 2018 na propia web do OPT. As ideas presentadas optarán a conseguir unha subvención aproximada de 5.000 euros para a execución do proxecto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario