3 de nov. de 2017

OS PEARES (OURENSE)

Manuel Baltar: "Rodolfo Prada uniu a Xeración Nós coa Transición, participando en todos os movementos galeguistas do século XX"

No acto celebrado hoxe nos Peares para conmemorar o 37º aniversario do pasamento do intelectual ourensán, o presidente da Deputación destacou de Prada, "home de confianza de Castelao, seu ourensanismo militante en América, sendo un dos ourensáns máis universais".  

A neta do galeguista, María Soledad Prada, agradeceu a homenaxe impulsada pola Deputación, destacando que seu avó "sempre considerou un privilexio pertencer a unha terra como Ourense e Galicia".  

Manuel Baltar avanzou que antes de que remate 2017 "inauguraremos diante da casa na que naceu Rodolfo Prada, nos Peares, un monumento na súa lembranza, da autoría do escultor Manuel Buciños".

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no acto, que tivo lugar na sede do Consorcio dos Peares, e no que participou tamén a neta de Rodolfo Prada, María Soledad Prada 
Fotos. D. OU.

Infogauda / Os Peares (Ourense)

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe nos Peares, no acto de homenaxe promovido pola institución provincial ourensá en lembranza do galeguista Rodolfo Prada, no 37º aniversario do seu pasamento, que Prada "foi quen de unir coa súa intelectualidade a Xeracíón Nós e a Transición, nun longo periodo que abrangue gran parte do século XX, no que Rodolfo Prada participou en todos os movementos galeguistas do dito século". Home de confianza de Castelao na Arxentina, Rodolfo Prada "destacou –afirma Baltar- polo seu ourensanismo militante en América, sendo un dos ourensáns máis universais".  

 No acto, que tivo lugar na sede do Consorcio dos Peares, participou tamén a neta de Rodolfo Prada, María Soledad Prada -quen visita por primeira vez Galicia, procedente de Chile, país no que reside-; así como familiares do intelectual ourensán e representantes institucionais, culturais e sociais.  

 Manuel Baltar expresou que Prada "participou, dunha ou doutra maneira, desde América, en todos os movementos que conforman a actividade galeguista do século XX; desde as Irmandades da Fala, en 1918, ata a transición política e a autonomía, en 1980, ano da súa morte, pasando antes por un estreito contacto cos homes da Xeración Nós, o labor do PG, a campaña do Estatuto e o plebiscito, en 1936, a acollida ós exiliados e a recuperación cultural, en Bos Aires, a Galicia Ideal, os conflitos cos galeguistas do interior, nos que foi mediador válido e, sobre todo, o ser home de confianza de Castelao e xestionar, como albacea, o seu legado".  

O presidente do goberno provincial expresou que o compromiso da Deputación de Ourense coa figura de Rodolfo Prada


 Baltar lembrou que o xurado do Premio Ourensanía determinara hai un ano ampliar o galardón "para darlle un carácter histórico que permitise rescatar a memoria e a obra de ilustres fillos de Ourense, falecidos, que tivesen contribuído ó engrandecemento da propia ourensanía, desde calquera ámbito e en calquera parte do mundo". Así, o primeiro distinguido coa "Ourensanía de Honor", por unanimidade, foi Rodolfo Prada Chamochín, nado nesta localidade dos Peares hai 125 anos, e de quen celebramos, hoxe o 37 cabodano. Entre os moitos méritos deste persoeiro do galeguismo político e cultural destaca tamén o seu circio ourensanismo".  

 O presidente do goberno provincial expresou que o compromiso da Deputación de Ourense coa figura de Rodolfo Prada "segue e seguirá", e avanzou que antes de rematar 2017, "aquí nos Peares, diante do predio onde estivo a casa na que naceu, inauguraremos un monumento na súa lembranza, obra de Manuel Buciños, para que as novas xeracións saiban quen foi Rodolfo Prada; un ourensán exemplar que soñou e viviu, desde calquera parte de América, sempre pensando e facendo encol de Galicia". 

 Pola súa banda, a neta do galeguista, agradeceu a homenaxe impulsada pola Deputación de Ourense, destacando que se avó "sempre considerou un privilexio pertencer a unha terra como Ourense e Galicia", mentres que o escritor e presidente do PEN Galicia, Luis González Tosar, dixo no acto que Rodolfo Prada "defendeu a realidade propia de Galicia", sen necesidade de verse no espello doutros modelos de Europa, "e así o escribiu en 1932 nun ideario político sobre de Galicia". "Prada –engadiu Tosar- orientou a corrente galeguista de América cara á reivindicación da nosa lingua e a nosa identidade, pero sen extremismos, porque un galeguista non pode caer nunca no separatismo precisamente porque o galeguismo é solidario". 

 O acto asemade, coa participación do alcalde da Peroxa, Manuel Seoane, e do presidente da Asociación cultural "Rodolfo Prada Chamochín", Francisco González, quen agradeceu á Deputación de Ourense os compromisos adquiridos para a realización do monumento e o premio que leva o nome do intelectual dos Peares. A parte musical correo a cargo do gaiteiro Marco Foxo, quen interpretou o Himno Antergo de Galicia e o Himno da Provincia de Ourense.  

 Biografía  

 Rodolfo Prada, nado nos Peares en 1892 e finado en Bos Aires en 1980, foi o gran valedor de Castelao na Arxentina e seu albacea testamentario, ademais dun referente do galeguismo e o artífice de unir as asociacións de emigrantes que había daquela en Bos Aires: os centros orensano, pontevedrés, lucense e coruñés; e destacou pola súa implicación co Partido Galeguista e, previamente, a súa afiliación ás Irmandades da Fala, en 1917.  

 Xunto con Julio Dávila e Luís López fundou en 1919 a Asociación Protectora da Real Academia Galega e desempeñou a súa secretaría, polo que foi nomeado correspondente da corporación galega. A partir de 1920, cando resultou elixido secretario da Casa de Galicia, converteuse nun activo propulsor da galeguidade. Nese mesmo ano creou e dirixiu a revista "Acción Gallega" e o ateneo de Cultura Galega. Pouco despois, en 1924, foi redactor xefe e copropietario de Correo de Galicia. En 1932 participou na fundación da Organización Nacionalista Republicana Gallega, que chegou a presidir entre 1936 e 1937, e ao ano seguinte foi nomeado presidente do Centro Gallego de Bos Aires.  

 Como membro do Centro Orensano dirixiu o seu órgano periodístico, El Orensano, e posteriormente Opinión Gallega, e conseguiu a publicación de Sempre en Galicia, de Castelao. Entre as conferencias que pronunciou destaca Encol da nosa Galiza (Montevideo, 1935) e Antolín Faraldo; ademais, mantivo unha interesante correspondencia con Castelao, con quen colaborou estreitamente.


Ningún comentario:

Publicar un comentario