3 de nov. de 2017

PONTECESURES

A INICIATIVA GALEGA  POLA MEMORIA CONVOCA Á CIDADANÍA A UN ACTO REIVINDICATIVO 

A celebrar este sábado, 4 de novembro de 2017 ás 12:30 h. no adro da Igrexa de Pontecesures 


Iniciativa Galega pola Memoria

  A Iniciativa Galega pola Memoria convoca á cidadanía a un acto reivindicativo, que terá lugar este sábado día 4 de novembro, ás 12:30 h., no adro da Igrexa de Pontecures, para esixir ao alcalde co municipio que elimine a simboloxía franquista, sen máis dilacións. como lle obriga á Lei e a ética democrática.

 Ao acto asistirán representantes de colectivos agrupados na Iniciativa Galega pola Memoria (IGM)  de distintos puntos da provincia, que posteriormente celebrarán unha comida-xuntanza de confraternidade.

ANTECEDENTES

 A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), que reúne a colectivos de toda Galiza, denunciou o pasado día 26 de outubro, a decisión do alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, de someter á consulta da veciñanza a súa obriga de eliminar a simboloxía franquista en cumprimento da lei de memoria histórica.  

 O rexidor cesureño respostou a unha petición de retirada do emblema da Falanxe dunha fonte, emitindo un bando no que propón unha consulta á veciñanza desa zona do municipio para decidir se cumpre ou non la Lei de Memoria Histórica. A IGM, como punto de encontro das asociacións memorialísticas galegas, ten acordado demandar a eliminación de calquera iconografía que exalte o alzamento militar e o réxime criminal que provocou tantas vítimas no noso país. Independentemente de que nestes momentos haxa una lei que recolla a obriga, é unha cuestión básica na defensa dos dereitos fundamentais e na necesidade de perseguir a verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición, que debemos a quen sufriron prisión, tortura, violacións e mesmo o asasinato por ser demócratas.  

 Á IGM parécelle insultante que precisamente se queira revestir de democrático o enxalzamento da prohibición de ideas, organizacións e persoas. De haber unha opinión favorábel ao fascismo sería simplemente a constatación de que a eliminación física dos que tiñan outras opinións -que é o que representa esa ideoloxía- logrou o seu obxectivo no tempo e aínda hoxe se benefician do froito dos seus crimes. 

 É o colmo da perversión da democracia promover unha especie de referendo para avalar a pervivencia do franquismo cando este se define precisamente como a negación das liberdades democráticas mínimas. É unha burla ás vítimas e un insulto á intelixencia.  

 Por iso esiximos que o concello de Pontecesures dea cumprimento á eliminación da simboloxía franquista que se lle pide sen máis dilacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario