8 de nov. de 2017

LABORAL

“EMPREGO EN TELEFÓNICA EN PONTEVEDRA”


EXECUTIVA DA SECCIÓN SINDICAL NACIONAL DA CIG-TELEFÓNICA

 A Sección Sindical da CIG na Telefónica celebrou no día de hoxe, 8 de novembro de 2017, concentracións diante das Centrais Telefónicas de Vilagarcia de Arousa, ás 12:30 horas, e na Central Peregrina de Pontevedra, ás 14:00 horas. 


 O obxectivo é denunciar a redución de emprego en Telefónica na provincia de Pontevedra, dentro da política de persoal deseñada pra concentrar en Madrid e Barcelona, maioritariamente, e Bilbao, Valencia e Sevilla en menor medida, o plantel propio da Empresa. Isto excluirá a provincia de Pontevedra e a toda Galiza de participar na produción de Servizos de Telecomunicacións nos postos máis cualificados. Consideramos particularmente escandaloso o traslado da Dirección Territorial da Galiza a Bilbao, efectuado no outono de 2012 e que ten como consecuencia a extinción do emprego en Telefónica na Galiza que padecemos. 

 Como consecuencia desta política Empresarial pasamos na provincia de máis de 1.100 empregados/as nos anos 90, ao plantel actual de 276 traballadores/as; en Pontevedra capital, de máis de 300 traballadores/as a 16 na actualidade. 

 Con estas concentracións vimos denunciar a ameaza de peche de Centros de Traballo na Estrada, Vilagarcía de Arousa e Pontevedra capital.  

 Ao mesmo tempo, denunciamos o incumprimento da Normativa Laboral para aplicar esta redución de plantel, actuando con arbitrariedade e precarizando as condicións de traballo, para sacar aos profesionais da atención directa ao público, privando aos Operadores de Comunicacións de actividade propia das súas profesións, para adicalos a tarefas administrativas. No entanto, externaliza as tarefas a medio de contratas máis precarizadas aínda, poñendo en perigo a calidade do Servizo Público de Telecomunicacións, como está a amosar o abandono do Servizo de Telefonía Fixa que sofren aínda as vítimas dos incendios forestais en amplas zonas da nosa provincia. 

 Vimos a denunciar tamén a complicidade da Xunta de Galiza nesta deslocalización do emprego en Telefónica cara Madrid e Bilbao, socio colaborador da Empresa mediante cuantiosas subvencións de millóns e millóns de euros (máis de 50 millóns de € co gallo da Fibra Óptica) sen contrapartidas en materia de emprego directo, ou para cubrir as carencias de cobertura e calidade do servizo. 

 Denunciamos tamén a participación da Xunta e do seu presidente nas campañas publicitarias onde se propagandean centos de empregos que nunca teñen concreción práctica: o persoal propio de Telefónica na Galiza e en Pontevedra está en descenso continuado desde 1992, con moita máis intensidade aínda que no resto do estado, cara a súa extinción total, mentres a Xunta actúa como alcaiote dunha empresa antigalega, que mesmo incumpre a Lei de Normalización Lingüística.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario