29 de nov. de 2017

A GUARDA

O calendario anual de andainas organizado por A Guarda e Caminha pecha o 2017 con boa acollidida

A comezos do novo ano publicarase o calendario de andainas do 2018 -comezando previsiblemente chegada a primavera- e as datas de inscricións para cada unha delas


Na imaxe os participantes na andaina entre Leiro e Pazos de Arenteiro
Foto: C. A.G.

Infogauda / A Guarda

 A programación anual de andainas organizadas polo Concello da Guarda finalizou o  sábado 11 de novembro cun percorrido entre Leiro e Pazos de Arenteiro no que participaron máis de 50 persoas. A actividade organízase dende o ano 2010 e, dende o pasado ano, o Municìpio de Caminha únese á Guarda na iniciativa.  

 Neste 2017, o calendario de andainas comezou na primavera e incluíu un total de sete saídas, incluída a derradeira andaina de novembro que non formaba parte do calendario anual. A primeira das saídas realizouse o 25 de marzo e constou dun percorrido de 17 km dende o Camiño dos Burros en San Xián (O Rosal) ata chegar á Guarda, namentres na segunda das andainas, celebrada o 6 de maio, tivemos a oportunidade de realizar un percorrido de 15 km entre Allariz e Augas Santas, pasando pola beira do río Arnoia.   

 A terceira saída tivo lugar o 3 de xuño e consistiu nun itinerario de 15 km pola Illa de Arousa, paseando pola afamada ruta dos Cons e polo sendeiro dos Pilros.  O 28 de agosto achegámonos á Romería de São João d’Arga (Caminha), percorrendo un camiño de 20 km e a a quinta das andainas realizouse o 16 de setembro, cunha ruta interpretativa de 22 km polas fortalezas do Baixo Miño, incluíndo os fortes de San Lourenzo de Goián (Tomiño), Lovelhe (Vila Nova de Cerveira), Caminha e a Fortaleza de Santa Cruz (A Guarda).   

 O calendario de andainas organizadas conxuntamente con Caminha cerrou a súa programación oficial o 7 de outubro, coa realización dun percorrido de 16,5 km polo municipio portugués de Ponte de Lima, a través da coñecida ruta das Lagoas de Bertiandos e São Pedro D’Arcos.   

 Dada a boa acollida da iniciativa, o próximo ano continuará esta a programación de andainas, orientada a ofrecer aos veciños e veciñas alternativas de ocio saudable e ao aire libre, e a  coñecer a paisaxe e o patrimonio da nosa vila e a súa contorna. A comezos do novo ano publicarase o calendario de andainas do 2018 -comezando previsiblemente chegada a primavera- e as datas de inscricións para cada unha delas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario