2 de nov. de 2017

A GUARDA

O Concello da Guarda organiza unha nova andaina  entre Leiro e Pazos de Arenteiro 

Para o sábado 11 de novembro

Rúa típica de Pazos de Arenteiro, no termo municipal de Boborás (Ourense)
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Dada a boa acollida das últimas andainas organizadas, a Concellería de Deportes do Concello da Guarda decidiu propor a celebración dunha nova andaina para o próximo sábado 11 de novembro. 

 Malia que primeira proposta foi coñecer o Monumento Natural Pena Corneira,  o percorrido tivo que ser modificado por mor da vaga de lumes do pasado mes de outubro, que afectou notablemente a zona e fai desaconsellable a súa visita. 

 Así as cousas, a nova ruta, duns 15 quilómetros, será pola zona de Leiro en dirección a Pazos de Arenteiro. O percorrido transcorrerá pola provincia de Ourense, comezando na localidade de Leiro e percorrendo a comarca do Ribeiro, unha zona rural con abundante bosque e vilas que se viron afectadas polo despoboamento. 

 En Leiro, partirase baixando ao río Avia. Cruzarase por unha vella ponte, atopando así unha ponte colgante e o cámping, hoxe en día pechado, que era lugar turístico nos meses de verán.  

 A andaina continuará por vellos camiños ata chegar a Pazos de Arenteiro, no municipio de Boborás, lugar que -como o seu nome indica- comprende numerosos pazos e moita historia tras os seus muros. A ruta concluirá de novo en Leiro despois de pasar pola aldea abandonada de Viñoa. 

 Como remate desta xornada, está prevista unha breve visita á vila de Ribadavia, cun percorrido polo seu casco histórico, o barrio xudeu e o castelo, centro da coñecida “Festa da Istoria”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario