26 de out. de 2017

MOVEMENTOS SOCIAIS

A CIG manifesta toda a súa solidariedade de clase ao pobo de Catalunya 

Galiza con Catalunya convoca concentracións en cidades e vilas galegas este venres día 27


CIG

 Diante da escalada represiva que o Estado Español está a exercer en Catalunya, e diante da activación do artigo 155 da constitución española, verdadeiro golpe de estado á democracia, desde a CIG temos que responder, e así o facemos, solidarizándonos co pobo catalán e exixindo do Estado Español que cese no seu empeño por calar a voz de quen unicamente quere expresarse en liberdade e exercer o seu dereito a decidir. Por iso chamamos a participar nas concentracións convocadas en toda Galiza pola Plataforma Galiza con Catalunya, da que facemos parte, para este venres día 27 de outubro, ás 20: 00 horas, agás en Cangas, que será ás 19:00 h.  

 O Estado porfía en aplicar a represión, impón sancións económicas e administrativas e encarcera persoas por motivos políticos, por defenderen o dereito do pobo catalán a se expresar sobre o seu propio futuro.  Isto, que xa viña constituíndo un estado de excepción establecido pola vía dos feitos, adquire agora maior dimensión, formalizando o goberno español a aplicación do artigo 155 da constitución, destituíndo o lexítimo goberno catalán (para substituílo por un goberno a medida de Madrid), e intervindo o Parlament. Perpetrando así un verdadeiro golpe de estado á vontade do pobo catalán exercida nas urnas.  

 Concentracións  

 Dados estes feitos, e ante a previsión de que o estado español amplifique a represión e o golpe antidemocrático co acordo do senado, desde a CIG, integrada na plataforma Galiza con Catalunya, apoiamos a convocatoria de concentracións de repulsa á infame actuación do estado español, e de solidariedade con Catalunya, e exiximos que se respecte o dereito á libre autodeterminación dos pobos. 

 Nun momento tan difícil para o soberanismo catalán, que vive ameazado por unha verdadeira cruzada contra a liberdade exercida polo estado español, e por unha actuación brutalmente represiva de todos os poderes do Estado, queremos transmitir desde a Confederación Intersindical Galega toda a solidariedade de clase ao pobo de Catalunya. Temos a certeza de que máis cedo que tarde a República catalá será unha realidade.  

 Galiza con Catalunya convoca concentracións a vindeira sexta feira, día 27 de outubro, nos lugares e horarios aquí sinalados:  

· Santiago: Praza do Toural, 20:00 h.  
· A Coruña: Subdelegación do Goberno, 20:00 h.  
· Lugo: Subdelegación do Goberno, 20:00 h.  
· Ourense: Subdelegación do Goberno, 20:00 h.  
· Pontevedra: Praza da Peregrina, 20:00 h.  
· Vigo: Farola de Urzaiz, 20:00 h.  
· Ferrol: Praza Amada García, 20:00 h.  
· Ribadeo: Concello, 20:00 h.  
· Viveiro: Concello, 20:00 h.  
· Cangas: Concello, 19:00 h.  
· Vilagarcía, Praza de Galiza, 20:00 h. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario