26 de out. de 2017

COVELO

BENÍTEZ CONFIRMA AO ALCALDE DE COVELO OBRAS DE MELLORA PARA AS ESTRADAS COVELO-BARCIA DE MERA E MACEIRA-GRAÑA 

O deputado de Mobilidade asegura que os proxectos estarán finalizados a primeiros de 2018 para iniciar despois a contratación dos traballos 

Rehabilitarase o firme do antigo treito de Redondo e dunha parte da variante da EP-5106 e dun quilómetro da EP-5105 

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez - a dereirta da imaxe -, co alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo - no centro da fotografía - e un técnico da Deputación de Pontevedra
Foto: D.P.

Infogauda / Covelo

 O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, confirmou hoxe ao alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo Amigo, que a Deputación de Pontevedra realizará obras de mellora en dous puntos da estrada provincial que vai de Covelo á parroquia de Barcia de Mera (EP-5106) e na estrada que vai de Maceira a A Graña (EP-5105). A intención destas actuacións, que consistirán fundamentalmente nunha rehabilitación estrutural do firme, é a mellora da seguranza viaria. 

 O compromiso do deputado de Mobilidade chega despois de que o rexedor de Covelo plantexara estas actuacións noutra anterior reunión, tralo que foron estudadas polos técnicos, que advertiron da necesidade de actuación.  

 Así, na estrada provincial EP-5106 rehabilitarase o firme de xeito integral en dous treitos. O primeiro será o da estrada provincial que pasa polo núcleo de Redondo e que quedou do trazado antigo despois de que se acometera a variante da vía. Castillo Amigo solicitou o acondicionamento deste tramo por parte da Deputación, e que posteriormente se estude a transferencia da titularidade ao Concello. Tamén se mellorará o firme do treito que une Ponte Lourido co lugar de Redondo, que coincide coa variante en uso da vía. 

 Por outra parte, na estrada EP-5105 entre Maceira e a Graña, no treito dun quilómetro de lonxitude que vai ata a igrexa de A Graña, a solicitude pasa por un tratamento de mellora que inclúa a renovación do firme da vía e non se descarta a mellora dalgúns sobreanchos existentes para habilitar un paso peonil. Neste caso, tamén se plantexará unha posterior transferencia o Concello. 

 Ambos proxectos redactaranse dentro do acordo marco de contratación que ten en marcha a Deputación de Pontevedra e contemplarán a instalación de elementos de calmado de tráfico, a través de redutores de velocidade como os instalados no Plan Móvese. Segundo asegura o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a previsión é que os proxectos estean finalizados a primeiros de 2018 para despois iniciar a contratación dos traballos. Estes poderán ser executados tamén ao longo do ano próximo. 

 Por outra parte, o nacionalista e o alcalde tamén valoraron outras actuacións menores de conservación da rede viaria provincial no municipio de Covelo, co compromiso do deputado de que os vixiantes e técnicos provinciais visitarán ‘in situ’ a zona para coñecer as deficiencias e plantexarlles solucións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario