5 de out. de 2017

CULTURA

O Museo de Pontevedra reivindica a pontevedresa María Vinyals como "voz, teoría e acción do feminismo precursor" 

A exposición "De María Vinyals a María Lluria. Escritora, feminista e activista" recolle fotografías, cadros, manuscritos, libros e correspondencia da coñecida como "Marquesa Vermella", última moradora do castelo de Soutomaior

A exposición foi presentada onte pola presidenta Carmela Silva, o deputado de Cultura Xosé Leal, o director do Museo Carlos Valle, e as comisarias, Ángela Comesaña e Aurora Marco.
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 O Museo de Pontevedra acolle ata o 12 de novembro a exposición "De María Vinyals a María Lluria. Escritora, feminista e activista" no que supón un recoñecemento público a pontevedresa nacida en Soutomaior como "voz, teoría e acción do feminismo precursor". A mostra inclúe fotografías, cadros, manuscritos, libros e correspondencia dunha muller adiantada ao seu tempo, finais do século XIX e principios do XX, pero apenas coñecida e visibilizada na historia.  

 A exposición foi presentada onte pola presidenta Carmela Silva, o deputado de Cultura Xosé Leal, o director do Museo Carlos Valle, e as comisarias, Ángela Comesaña e Aurora Marco. Segundo se explicou, a mostra xurde despois de anos de traballo e investigación das dúas comisarias e como complemento ao libro biográfico que se fará público en breve, no que se apuntan datos inéditos sobre a traxectoria da que foi a última moradora do castelo de Soutomaior, unha muller cunha "vida intensa en felicidade e dor", marquesa accidental que viviu a vida dos salóns aristocráticos como un ‘verso solto'.  

 "Foi unha das que mellor representou coa súa propia vida e obra os avances do movemento feminista a comezos do século XX. Desde diversas frontes comprometeuse publicamente coa defensa dos dereitos femininos desde data moi temperá, por iso non hai dúbida de que foi a voz, teoría e acción do movemento precursor", explicou Aurora Marco, que sinalou que a propia Vinyals definíase a si mesma como "unha feminista militante nos tempos nos que ninguén se ocupaba desas cousas".  

 Por toda a súa traxectoria, asegurou Marco, era preciso deitar luz sobre o seu pasado, visibilizar as súas achegas como escritora, xornalista, empresaria, feminista e activista social, e desvelar o seu legado, "rescatar a herdanza cultural que foi quen de crear, e devolverlle o lugar que debía ter ocupado e que o pasado, inzado de prexuízos, lle negou. E cumpría tamén afirmar e reivindicar un recoñecemento social para encher unha das páxinas máis brillantes da Historia do feminismo".

 Pola súa parte, Ángela Comesaña destacou na súa intervención o inxente traballo de investigación en hemerotecas e nos propios fondos do Museo de Pontevedra para atopar material gráfico e de biografía. Neste sentido, explicou que a exposición conta con material do Museo Sorolla, que facilitou placas de vidro, documentación e correspondencia, así como tamén doutros museos, como pode ser o único retrato orixinal pintado por José Garnelo, así como unha reprodución do retrato feito por Joaquín Sorolla, ou o mosaico de azulexos do sanatorio que rexentaba co seu marido no castelo de Soutomaior, cedido por Faro de Vigo.  

 "Muller singular"  
 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presente na presentación da mostra, quixo en primeiro lugar agradecer o traballo das dúas comisarias da exposición por visibilizar o traballo e a obra desta "muller singular, un exemplo de persoa que foi María Vinyals".  

 Silva subliñou o compromiso social de María Vinyals na súa época "da que ven o seu nome de "Marquesa Vermella" porque era unha muller consciente do mundo no que vivía e das inxustizas que se cometían. Era un muller consciente de que a única revolución posible para conseguir un mundo xusto en liberdade e igualitario é a educación, e tivo un forte compromiso coa Institución Libre da Ensinanza, que hoxe moitas votamos en falta".  

 Dar visibilidade a este tipo de persoas "sobre todo as mulleres silenciadas son este tipo de cousas que a min como a presidenta da Deputación fanme sentir que merece a pena a xestión do público", subliñou Silva. María Vinyals "forma parte da nosa provincia –mantivo Silva– polo que esta grande exposición do Museo de Pontevedra e o libro posterior vanmos a permitir descubrir a unha grande muller e visibilizar a esta muller que nos vai aportar moitísimo a todos e todas".    

 Pola súa parte, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, puxo de manifesto a transcendencia e relevancia da mostra de María Vinyals no Museo de Pontevedra non só pola parte artística, senón tamén polo contido das iniciativas que levou adiante como muller na súa época. "Da figura de María Vinyals podemos destacar varios aspectos, a súa pertenza ao mundo aristocrático, o seu compromiso en defensa do feminismo, xa que foi unha precursora, e tamén o seu orgullo pola condición de galega, do que fixo alarde en numerosos textos".  

 Así mesmo, o nacionalista quixo destacar o importante traballo interno do persoal do Museo de Pontevedra tanto na custodia de elementos do castelo de Soutomaior –que desvelan información sobre a figura de María Vinyals– como o propio comisariado de Comesaña, traballadora da institución provincial.  

 Finalmente, Carlos Valle, sinalou a idoneidade da realización da exposición, xa que se produce no centenario da poxa pública do castelo de Soutomaior, que definiu como "o grande protagonista físico da mostra", e insistiu na importancia que posúen os arquivos gráficos e documentais do Museo provincial: "Non se pode estudar o castelo de Soutomaior sen os nosos fondos", finalizou. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario