9 de out. de 2017

A GUARDA

PAULA PINA, TÉCNICA MEDIOAMBIENTAL DE CABO VERDE FORMARASE NO CONCELLO DA GUARDA DURANTE TRES DÍAS 

Trátase dunha acción incluída no programa  “Vacacións con traballo” do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, polo que a caboverdiana intercambiará experiencias co persoal técnico local. 

Paula Pina, directora de gabinete de Saneamento, Medio Ambiente e Seguridade Urbana da Cámara Municipal de Santa Cruz (Cabo Verde), co alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e membros do equipo de goberno municipal
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello da Guarda recibiu na mañá deste luns día 9 de outubro, á Paula Pina, directora de gabinete de Saneamento, Medio Ambiente e Seguridade Urbana da Cámara Municipal de Santa Cruz (Cabo Verde), que pasará tres días na nosa vila co fin de coñecer o funcionamento de depuradoras, pozos de bombeo, puntos limpos e servizos de saneamento e limpeza, entre outras actividades.  


 A técnica municipal caboverdiana tivo a oportunidade de visitar esta mañá a Estación Depuradora de Augas Residuais (E.D.A.R.) da Guarda, acompañada polo persoal técnico da planta e o concelleiro de Medio Ambiente, Paulino Rodríguez González. Este martes fará un percorrido polas instalacións de abastecemento de auga e, xa o mércores, poderá visitar o punto limpo da Guarda e profundar en temas como a limpeza viaria, a recollida de lixo e os sistemas de reciclado.  


 Porén, non todas as actividades serán de interese puramente profesional, xa que durante as tardes Paula Pina poderá gozar de boa parte do patrimonio cultural e a tradición guardesas. Así, esta tarde Pina visitou a praza de abastos, o porto pesqueiro  e coñeceu o labor realizado pola Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.) e a Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia.  

 Durante a tarde do martes poderá gozar do Monte Santa Trega e a Fortaleza de Santa Cruz con visitas guiadas, namentres o mércores tomará o transbordador para achegarse á localidade portuguesa de Caminha.  

 Vacacións con traballo 
 A acción enmárcase dentro do programa de cooperación técnica “Vacacións con traballo” do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, polo que Paula Pina e a topógrafa mozambiqueña Ailina de Marta percorrerán durante o mes de outubro distintas localidades galegas nas que intercambiarán experiencias co persoal técnico local.   

 A través deste programa de cooperación  técnica búscase contribuír a reforzar as capacidades dos municipios de países empobrecidos, ao tempo que se pon en valor a multiculturalidade e se sensibiliza fronte as desigualdades Norte-Sur. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario