16 de out. de 2017

A CORUÑA

A Coruña acolle unha xornada de teatro protagonizada por persoas con problemas de saúde mental 

O encontro, no que se estima unha participación de arredor de 200 persoas, terá lugar o martes 17 de outubro no Fórum Metropolinato e nel participarán cinco asociacións de saúde mental procedentes de toda Galicia.  

Con esta iniciativa, as persoas con problemas de saúde mental queren loitar activamente contar o estigma que sofre o colectivo amosando as súas capacidades, talento e creatividade.  



Ana Escrigas Rodríguez / A Coruña 

 O Fórum Metropolitano de A Coruña acollerá a III Xornada de Teatro e Saúde Mental, un encontro organizado pola asociación APEM no que participarán cinco asociacións de saúde mental procedentes de toda Galicia. Esta actividade permite, entre outras cousas, afondar e incentivar o emprego do teatro como ferramenta terapéutica e de desinhibición, a través da cal as persoas con problemas de saúde mental poden expresar sentimentos, situacións e sensacións. 

 A xornada terá lugar este martes 17 de outubro de 10:00 a 19:00. As asociacións Doa (Cangas), Andaina (Dodro e Ordes), Avelaíña (A Guarda), A Mariña (Burela) e Apem (A Coruña e Carballo) serán as encargadas de interpretar un total de sete funcións nas que os protagonistas son os propios usuarios das asociacións.  

 A temática e posta en escena das obras inclúe todo tipo de estilos, dende funcións de contido sensibilizador como o buying ata parodias musicais e adaptacións de comedias clásicas. Pobos que se sublevan contra romanos opresores, hoteis disparatados ou microteatro sobre a vida cotiá son outros dos temas e formatos que poderemos atopar na III Xornada de Teatro e Saúde Mental. 


 Trátase de espectáculos preparados nos grupos de teatro das entidades, onde os usuarios traballan dende o texto ata a construción dos personaxes, a posta en escena e o decorado, elaborado por eles mesmo nos talleres das asociacións. Deste xeito, as persoas con problemas de saúde mental poñen en marcha diferentes manifestacións artísticas e fomentan a creatividade como medio de expresión e diversión. 

 O obxectivo deste encontro, no que se estima unha participación de arredor de 200 persoas, é compartir unha xornada lúdica e creativa onde superar os estigmas das enfermidades mentais mediante o contacto e o intercambio de experiencias entre as distintas asociacións. Ademais, este tipo de actividades permiten poñer de manifesto o traballo, talento e creatividade das persoas con problemas de saúde mental, facendo fincapé nas súas capacidades e normalizando a percepción social que hai cara elas.  

 APEM 
 A  Asociación Pro Enfermos Mentais da Coruña (APEM) naceu en 1980 como unha asociación cidadá, sen ánimo de lucro, que integra a persoas con enfermidade mental, familiares e profesionais da saúde mental e que ten como principal obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental. 

 Desde a súa constitución, APEM defendeu que o tratamento destas persoas pasa por algo máis que o tratamento farmacolóxico e que é necesario complementalo cunha abordaxe psicosocial. Por iso, o principal obxectivo da asociación é axudar á rehabilitación das persoas con enfermidade mental, sobre todo con talleres ocupacionais ou formativos, para fomentar a súa autonomía e favorecer a integración social e laboral. Na actualidade conta con 600 socios e ten centros en A Coruña, Cee, Carballo, Betanzos, Culleredo e Vimianzo. 

 FEAFES Galicia 
 A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.  

 O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 5.900 socios. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario