7 de set. de 2017

A GUARDA

Que facer a fin de semana: catro concertos, catro exposicións e a última visita teatralizada


Dende esta tardiña e ata o domingo, A Guarda acollerá diversas actividades culturais para gozar ao aire libre en diferentes puntos da vila. Ademais, contamos cunha variedade de exposicións -pintura, fotografía ou filatelia-que permanecerán abertas durante a fin de semana.





Infogauda / A Guarda

 Desde o executivo municipal do Concello de A Guarda relembran que os veciños e visitantes que non desfrutaron aínda das visitas teatralizadas polo casco histórico da nosa localidade, teñen esta tarde a súa última oportunidade. Da man dos actores da compañía Os Quinquilláns, A Guarda realizará por última vez unha viaxe a 1930, na que a señorita Rosario e o señor Mariñas guiarán aos participantes polos monumentos e lugares emblemáticos do centro da vila, partindo da praza da Igrexa ás 21:00 h. Ao final do percorrido, xa no porto guardés, poderemos gozar da actuación de Paco Nogueiras.




 A oferta musical desta noite complétase con concertos da Festa do Comercio, organizada pola Comisión de Festas da Guía. A praza de Avelino Vicente acollerá as actuacións da Aretha Franklim Tribute Band, cos mellores temas da lexendaria raíña do soul, e o grupo de música tradicional Abóbriga. Ademais, haberá unha exhibición deportiva de Dani Comesaña.

 As Festas na honra da Virxe da Guía continuarán mañá no barrio de Ribadavila coa misa solemne ás 11:30 horas, cantada polo Coro Parroquial. Deseguido, celebrarase a procesión, que contará coas actuacións dos grupos A Boalleira e Terceira Idade, respectivamente.



 A fin de semana rematará cunha nova entrega de “Música nas prazas”. Nesta ocasión, a praza de San Marcos será o escenario do concerto que o grupo de pop-rock guardés Perseide ofrecerá a partir das 20:00 h. En caso de chuvia, a actuación trasladarase ás instalacións do Centro Cultural.  Lembrade que a programación de “Música nas prazas” rematará o próximo venres 15 de setembro coa actuación de Argonat Band, na praza da Gándara ás 21:00 h.

Cinco exposicións para visitar




 Ata este sábado poderedes visitar no Centro Culturala exposición fotográfica De Pontevedra a Río 2016, unha homenaxe aos deportistas olímpicos e paralímpicos dos Xogos de Río celebrados o pasado ano.




 Pola súa parte, a exposición “20 anos a Fondo coa solidariedade” estará ata o domingo na Praza do Reló, ofrecendo un repaso das accións emprendidas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade durante os seus 20 anos de actividade. 






 Tamén ata o domingo, permanecerá na Casa dos Alonso a XXI Exposición Filatélica “EXFIMIÑO 2017”. Organizada pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, a mostra permanecerá aberta de 11:00' a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.




 Máis tempo teremos para visitar a exposición de pintura ao óleo Catro médicos polo Baixo Miño, que estará ata o 24 de setembro no Centro Cultural cunha colección de creacións artísticas elaboradas por médicos da comarca apaixonados da pintura. 

 Lembramos que o horario do Centro Cultural ata o 15 de setembro será de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres, e de 10:00 a 13:00 horas os sábados. A partir do 16 de setembro, comezará o horario de inverno: de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas de luns a venres, e de 10:00 a 13:00 horas os sábados. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario