14 de ago. de 2017

PEITIEIROS (GONDOMAR)

Charla e visita ao Petróglifo do Lombo do Roxás 

Na V Semana Cultural de Peitieiros   


Informa: Centro Cultural e Veciñal de Peitieiros / Gondomar


 O martes 15 de agosto de 2017, e dentro da V Semana Cultural de Peitieiros, realizarase unha charla sobre o petróglifo do Lombo do Roxás que posteriormente será visitado. Para a realización desta actividade contamos coa colaboración do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) que será conducida polo arqueólogo Eloi Martínez Soto.   

 O petróglifo do Lombo do Roxás, unha peza de arte rupestre descuberta polos veciños e veciñas de Peitieiros durante unha repoboación forestal con frondosas realizada no ano 2015, vénse sumar a outros elementos patrimoniais que sinalan a antigüidade desta parroquia: o castro do Curuto ou os vestixios románicos da igrexa de San Miguel. O CCV de Peitieiros deicidiu acollerse ao ano do patrimonio que está a celebrar a Deputación de Pontevedra e pór o acento da semana cultural na difusión e preservación do patrimonio de noso, material e inmaterial.   

 Eloi Martínez Soto é Licenciado en Historia e Máster en Historia, Territorio e Recursos Patrimoniais, é membro da sección de arqueoloxía do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) e vicepresidente da Asocación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra (AMUPO). No eido da arqueoloxía, traballou en varias excavacións arqueolóxicas en Galicia (Factoría Romana de Salazón de Plaza de Compostela, Vigo e no Couto do Formigueiro, Amoeiro), Roma (Coliseo) e Macedonia (Bylazora). Traballou tamén no Museo de Pontevedra como conservador de fondos arqueolóxicos, onde ademais levou a cabo a virtualización en 3D de parte dos seus fondos arqueolóxicos e a súa divulgación online mediante a creación do primeiro museo virtual de Galicia. Nos últimos anos, centrou a súa atención na arte rupestre galega, documentando en 3D centos de petróglifos galegos e portugueses, traballo que está recollido -en gran medida- no Proxecto EQUUS, impulsado polo IEM e no que colabora a día de hoxe xunto con Xosé Lois Vilar e Xilberte Manso.   

 Desde o CCV lembramos a todas as persoas que queiran participar na actividade que traian roupa de abrigo, calzado pechado e lanterna e que sigan as indicacións das persoas que nos guiarán na visita. A actividade iniciarase ás 20:30 horas. Ao rematar a charla, e dependendo do tempo que falte até que se faga de noite (o que estimamos que sucederá ás 22:30) momento en que se comezará visitar o petróglifo, poderemos gozar das espectaculares vistas do solpor sobre a foz do Miñor. Por outro lado, se o ceo está despexado, aínda será posíbel ver as Perseidas e localizar as osas, Casiopea ou o triángulo de verán.   

 Ademais da charla e a visita ao petróglifo, realizouse unha exposición que pode visitarse os días 17 e 18 de 20:30 a 22:00 horas e o día 19, de 12:00 a 13:30 e de 17:00 a 22:00. Ademais o día 19 realizarase unha visita guiada ás 18:30.

Ningún comentario:

Publicar un comentario