1 de ago. de 2017

PAZOS DE BORBÉN

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA RECIBE 16 OFERTAS PARA REALIZAR AS OBRAS DE MELLORA DO CRUCE DA ESTRADA PROVINCIAL EP-2702 CO ACCESO Á IGREXA DO VALADO EN PAZOS DE BORBÉN 

· Os traballos poderán iniciarse en outono logo de resolver os problemas coas expropiacións e rematar o proceso de contratación  

· Crearase un novo carril de espera e instalaranse dous redutores de velocidade e unha zona 30 cun orzamento de 85.506 euros   

Uxío Benítez Fernández, deputado provincial de Mobilidade
Foto: D. P.

Infogauda / Pazos de Borbén

 A Deputación de Pontevedra vén de recibir 16 ofertas de empresas construtoras para realizar as obras de mellora da seguranza viaria no cruce da estrada provincial EP-2702 coa vía municipal que leva á igrexa do Valado en Pazos de Borbén. Segundo explicou o deputado provincial Uxío Benítez Fernández, os técnicos do departamento de Mobilidade decidirán nas vindeiras semanas cal é a mellor proposta técnica e económica de entre as firmas candidatas para proceder á súa adxudicación. Se todo o proceso administrativo vai segundo o previsto as obras poderán iniciarse no outono.  

 O obxectivo do proxecto é aumentar a seguranza viaria e a visibilidade na intersección, onde se teñen producido varios accidentes de tráfico. A obra permitirá unha mellor visibilidade, xa que se ampliaráa superficie da vía en ambas marxes, crearase un carril de espera e instalaranse dous redutores de velocidade -que quedará limitada a 30 quilómetros por hora-.  

 Segundo explicou Benítez, incrementarase a superficie da estrada en todo o cruce, para o que será necesario ocupar dúas parcelas privadas. Realizarase un desmonte de terreo e construirase un muro de contención na marxe esquerda, mentres que na contraria crearase unha base de explanada. Así mesmo, solucionaranse as drenaxes mediante a remodelación de cunetas e pintarase nova sinalización horizontal e vertical. Debido á perigosidade da zona colocaranse dous redutores físicos de velocidade en cada extremo do ámbito de actuación, que terá unha limitación específica de velocidade de 30 quilómetros por hora. 

 O orzamento da actuación ascende a 85.506,67 euros, que foran comprometidos polo responsable de Mobilidade ao alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias Rodríguez, nunha visita o pasado mes de novembro. Desde entón, redactouse o proxecto e iniciouse o procedemento expropiatorio, que tivo algunhas complicacións que se solucionaron nas últimas semanas. Agora estase na fase de adxudicación, que se resolverá nas vindeiras semanas. 

 A mellora do cruce  era unha antiga demanda da veciñanza que agora obtén resposta. Na zona, de feito, existe un alto tránsito de vehículos non só dos particulares que viven na zona, senón de toda a veciñanza da parroquia e do Concello en xeral para ir á igrexa de Nespereira e ao camposanto. Así mesmo, tamén se ten detectado un alto tránsito de vehículos pesados pola conexión co parque empresarial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario