30 de ago. de 2017

A GUARDA

O Concello organiza dúas xornadas de información medioambiental nas praias con Bandeira Azul 

A primeira delas será o xoves 31 de agosto na praia de Area Grande a partir das 16:00 horas

Para completar as actividades medioambientais, este venres 1 de setembro celebrarase na praia do Forte (O Muiño), en Camposancos, un obradoiro de cometas


Infogauda / A Guarda

 Como  xa ven sendo habitual no verán, o Concello da Guarda celebra unha campaña informativa medioambiental nas praias con Bandeira Azul coincidindo co final do mes de agosto.   

 Este verán celebraranse dúas actividades dirixidas ao público infantil. A primeira delas será o xoves 31 de agosto na praia de Area Grande a partir das 16:00 horas. Os cativos participantes realizarán unha actividade de sensibilización medioambiental centrada na identificacións dos residuos que se poden atopar nas praias e onde deben depositarse para evitar a contaminación dos nosos espazos naturais.   

 Trátase, por tanto, de dar unha perspectiva de responsabilidade aplicable ao noso día a día, para concienciar sobre as consecuencias de desbotar os lixo no chan,  podendo rematar no mar e na nosa costa. Cun sinxelo xogo, os nenos e nenas poderán adquirir o compromiso de non botar ao chan os refugallos e os coñecementos necesarios para realizar unha correcta reciclaxe dos mesmos.   

 Para completar as actividades medioambientais, este venres 1 de setembro celebrarase un obradoiro de cometas. A cita, que tivo que ser reprogramada por mor das malas condicións meteorolóxicas, terá lugar na praia do Forte - tamén coñecida como praia do Muíño -, en Camposancos, ás 16:00 horas, onde os cativos aprenderán a elaborar unha cometa con materiais reciclados.   

 Estas actividades non precisan de inscrición previa, de xeito que as nenas e nenos interesados en participar soamente deberán achegarse ás praias.   

 Como complemento a estas dúas xornadas de sensibilización medioambiental, exporanse carteis e folletos informativos de concienciación  medioambiental, amais de información sobre o sendeiro azul que une as dúas praias guardesas con Bandeira Azul. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario