A SOCIEDAD PRO-MONTE SANTA TECLA APRAZA NOVAMENTE A VOTACIÓN SOBRE A DISOLUCIÓN
A Xunta Directiva pedirá un informe xurídico á Xunta de Galicia
De esq. a der.: Florentina Andrés Álvarez, Jesús García Villadóniga, Manuel Martín Goyás, Antonio Martínez Vicente e Miguel Ángel Sobrino Blanco, na reunión do pasado luns día 28 de agosto de 2017, no Salón Parroquial de A Guarda
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
A Xunta Directiva da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla continuou na tarde do luns día 28 de agosto coa Xunta Extraordinaria comezada o pasado xoves 10 de agosto convocada polo presidente en funcións, Antonio Martínez Vicente, co obxectivo de decidir sobre o destino da institución e o seu patrimonio.
Amais do presidente, asistiron á reunión na Casa Parroquial o tesoureiro Manuel Martín Goyás, o vicesecretario Miguel Ángel Sobrino Blanco e os vogais Florentina Andrés Álvarez e Jesús García Villadóniga.
Nova cancelación da votación
Ao comezo da sesión e tras facer entrega aos membros da Directiva dos documentos da institución, tal e como se tiña acordado na sesión do pasado luns 21 de agosto, Antonio Martínez Vicente expresou a súa clara vontade de realizar nesta terceira convocatoria a votación sobre a disolución, en cumprimento do obxectivo para o que se tiñan convocado.
Para o mantemento da súa postura, o presidente en funcións baséase, segundo explicou, no informe xurídico de data 3 de novembro de 2016, elaborado por Gabriel Rodríguez Alonso, Xefe do Servizo de Asistencia Intermunicipal da Deputación de Pontevedra, segundo o cal ante a ausencia de socios en activo corresponde á Xunta Directiva decidir sobre o futuro da sociedade.
Engadiu, como fundamentos legais que “amparan” a súa posición, un novo informe xurídico elaborado polo avogado do Concello da Guarda no que, en interpretación do establecido no Código Civil e a Disposición Transitoria Primeira da Lei Orgánica 1/2002, a ausencia de pagos das cotas dos socios durante máis de tres décadas implicaría unha xustificación legal suficiente para a disolución da institución, por inactividade da mesma e/ou por terse alcanzado os fins para os que foi creada.
A pesar dos informes xurídicos presentados, Miguel Ángel Sobrino Blanco propuxo solicitar un novo informe á “entidade da Xunta [de Galicia] que vela por estas cuestións”, segundo afirmou o vicesecretario.
Dadas as discrepancias entre os membros da Directiva, a votación sobre a disolución da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla quedou novamente suspendida nesta terceira convocatoria, quedando pendente o establecemento dunha nova data de reunión unha vez se obteña o devandito informe da Xunta de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario