4 de xul. de 2017

TURISMO

Carmela Silva recibe en Pontevedra ás ilustradoras do Proxecto Camiña/o de "Compostela Ilustrada" 

A Deputación de Pontevedra colabora con "Compostela Ilustrada", proxecto xenérico no que se enmarca a iniciativa artística "Camiña-camiño"   

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez


Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, mantivo onte en Pontevedra un encontro coas mulleres ilustradoras do proxecto Camiña/o, que nestes días están percorrendo a ruta do "Camiño portugués pola Costa". O encontro serviu para que a presidenta provincial coñecera de primeira man o traballo que están a realizar estes días as artistas participantes no proxecto.  

 O obxectivo de "Camiña/o" é dar a coñecer dende o punto de vista artístico e cultural a ruta do "Camino portugués por la Costa" (recoñecido oficialmente coma Ruta de Peregrinación a Compostela trala aprobación da Lei de Patrimonio de Galicia o 16 de agosto de 2016) e, por outro lado, dar visibilidade ás mulleres no mundo da ilustración, unha disciplina da arte na que as ilustradoras seguen estando en desvantaxe malia ser maioría.  

 Camiña/o é un proxecto coordinado por Gemma Sesgar e Paula Cabaleiro no que colabora a Deputación de Pontevedra e que está enmarcado no encontro internacional Compostela Ilustrada, nado no ano 2016 da man de El Patito Editorial, editorial especializada en cómic e ilustración.  

 O traballo das catro ilustradoras (Fernanda Lamelas, Teresa Ruivo, Isabelle Seidel e Blanca Escrigas) ten coma fin a organización dunha exposición e a elaboración dunha guía. Para a exposición cada ilustradora realizará un mínimo de 10 ilustracións, de tamaño A3 e técnica libre. En canto á guía ilustrada, esta tratarase dunha obra de aproximadamente 60 páxinas nas que as catro ilustradoras ofrecerán unha nova ollada que servirá de material de consulta sobre o "Camiño da Costa".  

 Durante o encontro, as ilustradoras explicáronlle a Carmela Silva como está a transcorrer o seu percorrido cara a Santiago de Compostela e ensináronlle parte do traballo realizado nestes días de camiño en Rías Baixas. Despois de debuxar nas cinco cidades portuguesas (Porto, Vila do Conde, Esposende, Viana do Castelo e Caminha), o proxecto chegou a Galicia pola Guarda e xa pasou estes días por Oia, Baiona, Vigo, Redondela e Pontevedra. A súa ruta seguirá por Caldas de Reis, Padrón e finalmente Santiago, onde esperan chegar o mércores, 5 de xullo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario