5 de xul. de 2017

LABORAL

Xornada de mobilizacións no siderometal galego para reclamar convenios colectivos provinciais dignos

Nova xornada de folga na provincia da Coruña e concentracións en Vigo, Pontevedra, Ourense e Vilagarcía 


As imaxes corresponden á mobilización convocada polas centrais sindicais CIG, CC.OO. e UGT, que tivo lugar no día de hoxe en Vigo en sinal de protesta pola actitude da patronal do sector do metal - Fotos: CIG


Infogauda / Redacción

   O sector do siderometal galego continúa en pé de guerra para reclamar uns convenios provinciais dignos. Á nova xornada de folga celebrada no provincia da Coruña, que volveu ter un seguimento masivo tal e como evidenciaron as multitudinarias manifestacións, sumáronse hoxe mobilizacións en Vigo, Pontevedra, Ourense e Vilagarcía. 

 No caso da comarca da Coruña, a nova xornada de paro afectou novamente á grande empresa de maquinaria pesada, talleres e reparación. As poucas compañías que tiveron actividade pecharon as súas portas ao paso da manifestación, que volveu percorrer a distancia entre a Confederación de Empresarios/as e a Delegación do Goberno. “A folga estase a consolidar”, resume Eduardo Caamaño, secretario comarcal da CIG-Industria de Coruña. Ademais, as centrais aproveitaron a xornada para presentar oficialmente a convocatoria de tres novos días de folga para os días 13, 20 e 27 de xullo.  

 En Ferrol, tanto a participación dos piquetes como a da manifestación foi moi elevada, xa que mñais de 3000 persoas percorreron a pé o camiño entre a Praza de España e o polígono da Gándara, para regresar novamente ao punto de partida. “Houbo moito máis persoal das compañías auxiliares de Navantia que en días anteriores”, comenta o secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal. Na marcha tamén tomou parte unha nutrida representación de traballadores/as do sector de viaxeiros/as por estrada, que hoxe secundaron tamén masivamente unha nova xornada de folga.  

 Seguimento en Compostela  
 No caso de Compostela o seguimento foi xeneralizado e a actividade dos piquetes limitouse a pasear polo polígono do Tambre, para confirmar que todas as empresas estaban pechadas. O secretario comarcal da CIG-Industria de Compostela, Benedicto Blanco, valora moi positivamente a incidencia do paro, porque o número de traballadores/as do sector que se suman aos piquetes e mobilizacións vai en aumento.  

 Ademais, salienta que ao listado de empresas nas que a folga foi total nos paros anteriores hai que engadir agora a Macoga, de Ordes que pechou todo o día e mesmo a Cortizo, que tivo que pechar liñas de produción por falta de persoal. Un exemplo, asegura Blanco, “de que nin coas ameazas os empresarios están conseguindo rebentar a folga”. Con todo, denuncia que houbo unha mínima actividade nalgunha empresa, precisamente por esas presións e ameazas, como foi o caso de Automóviles Louzao, concesionaria da Mercedes, que “nin sequera foi quen de traballar con normalidade porque a pesar diso faltaba a maioría do persoal”.  

 Tal e como estaba previsto, contra o mediodía os traballadores/as do sector sumáronse ao piquete para saír en manifestación desde o polígono do Tambre até a Confederación de Empresarios, onde remataron cunha concentración.  

Protestas en Vigo, Pontevedra, Ourense e Vilagarcía  

 Coincidindo coa xornada de folga na provincia da Coruña, desenvolvéronse mobilizacións en Vigo, Pontevedra, Ourense e Vilagarcía para reclamar uns convenios provinciais dignos. No caso de Vigo arredor de 200 delegados/as do sector concentráronse diante de ATRA e Instalectra, patronais dos talleres de reparación de automóbiles.  

 A mobilización de Pontevedra, á que tamén se sumaron un bo número de empregados/as do sector de viaxeiros/as por estrada, tivo lugar diante da Cámara de Comercio e impediu o tránsito rodado pola rúa Reina Victoria. No caso de Ourense o lugar escollido para a protesta foi o concesionario da marca Renault situado en Quintela de Canedo, cuxo propietario participa nas negociacións do convenio. En Vilagarcía desenvolveuse unha concentración diante da Federación de Empresarios/as da Comarca de Arousa (Feca).

Ningún comentario: