10 de xul. de 2017

LABORAL

A CIG exixe a paralización das obras da ponte de Rande mentres non se garanta a seguridade e insta a Fiscalía a depurar responsabilidades 

Dende a central acusan a UTE, Xunta e Fomento de desatender as reiteradas denuncias sobre as condicións laborais que provocaron a morte dun operario

Na comparecencia diante dos medios de comunicación que tivo lugar esta mañá en no local da CIG de Vigo participaron o secretario comarcal, Alberto Gonçalves, o nacional da federación da Construción, Xoán Xosé Melón, e os comarcais da Construción, Carlos Méndez, e de Industria, Xulio Fernández.
Foto: CIG


Infogauda / Vigo


 Responsábeis da CIG compareceron hoxe en rolda de prensa para anunciar a presentación dunha petición formal diante da Inspección e da Consellaría de Traballo para que procedan a paralizar as obras de ampliación da ponte de Rande até que non se garantan as condicións de seguridade dos traballadores/as. Ao mesmo tempo, instan a Fiscalía e a autoridade laboral a que investiguen o accidente laboral no que perdeu a vida un operario e procedan a depurar as responsabilidades que correspondan e acusan a empresa e a Xunta de desoír as reiteradas denuncias sobre as condicións laborais.     

 Na comparecencia diante dos medios de comunicación que tivo lugar esta mañá en no local da CIG de Vigo participaron o secretario comarcal, Alberto Gonçalves, o nacional da federación da Construción, Xoán Xosé Melón, e os comarcais da Construción, Carlos Méndez, e de Industria, Xulio Fernández. En primeiro lugar, os representantes sindicais lamentaron que o recente falecemento dun operario en accidente laboral veña a confirmar as denuncias formuladas dende a central a respecto das condicións de traballo existentes nas obras de ampliación da ponte que une as localidades de Moaña e Redondela e acusan a UTE, a Xunta e ao Ministerio de Fomento de mirar cara a outro lado.  

 “O máis grave do sucedido é que pensamos que esta morte se tería evitado de respectarse o convenio colectivo do sector no que se refire á xornada laboral, e se a UTE tomase en serio garantir a seguridade e saúde laboral dos traballadores/as”, denunciaron. Diante disto, a CIG presentou unha solicitude formal reclamándolle á Inspección e á Xunta a paralización inmediata dos traballos até que as empresas acometan as modificacións necesarias e poñan fin aos incumprimentos. “Entendemos que nestas condicións, sen que se asegure ao cento por cento a seguridade do persoal para evitar mortes ou lesións, non se pode seguir a traballar”.  

 Sosteñen que se a UTE non paraliza as obras por vontade propia, deberá ser a Administración que lle adxudicou a obra que o faga. “En caso contrario, o Goberno será responsábel de calquera novo accidente ou morte”. Neste senso, quixeron deixar claro que a CIG non vai permitir que continúen os traballos mentres non se tomen as medidas que eviten un novo accidente.  



 Ao mesmo tempo, a central insta a Fiscalía e a autoridade laboral a investigar o accidente laboral que provocou a morte do operario e a depurar civís, administrativas ou penais que correspondan. “Un suceso tan grave non pode ficar impune; o falecemento dunha persoa no seu posto de traballo non pode saír gratis”, indicaron. Nesta liña, lembran que os traballos de ampliación da ponte de Rande están a rexistrar unha porcentaxe de sinistros laborais superiores aos que se contabilizan noutras obras similares.   
 Cesión ilegal de traballadores/as  

 Outro aspecto sobre o que incidiron os responsábeis sindicais durante a rolda de prensa foi o deterioro das condicións laborais nas obras públicas como consecuencia de “cadeas interminábeis de subcontratación, que fan que sucedan estas cousas”. Así, lembraron que nas obras da ponte, onde traballan arredor de 300 operarios/as, hai contabilizadas até 40 subcontratas. “O grupo SYO, para o que traballaba a persoa falecida, funciona na práctica como unha ETT -empresas que están prohibidas no sector-, levando a cabo cesións ilegais de traballadores/as”.  

 Nesta liña, aseguran que nos traballos da ponte de Rande pódense atopar todas as irregularidades que se adoitan denuncia no sector da construción, “cando se trata dunha obra pública e por tanto debera ser un exemplo do cumprimento da legalidade”. De feito, a Inspección de Traballo constatou moitas delas tras as denuncias da CIG e fíxolle requirimentos á empresa “que obviamente os seus responsábeis non cumpriron”.  

 Finalmente, indicaron que a mellor homenaxe ao compañeiro falecido será lograr cando menos que as condicións de traballo nesta obra se normalicen e se poida evitar deste xeito que volven suceder feitos como o denunciado, “xa detrás destes accidentes de extrema gravidade están, ademais da falta de medidas de seguridade, o cansazo e a fatiga derivados dos excesos de xornada, e nesta obra os operarios/as adoitan traballar 10-12 horas diarias, incluíndo moitas veces sábados, domingos e festivos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario