16 de xuño de 2017

PONTEVEDRA

AREEIRO ALERTA DE QUE O MILDEU XA APARECEU EN TODAS AS VIÑAS E CONSIDERA “IMPRESCINDIBLE” COMPROBAR QUE OS TRATAMENTOS APLICADOS ESTÁN A SER EFICACES   

Os técnicos están a observar síntomas típicos de ‘golpes de sol’ e alteracións da madeira debido ás altas temperaturas desta semana  



Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica de Areiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de alertar de que o Mildeu xa está presente en todas as viñas da provincia debido ás condicións “extremadamente favorables” na climatoloxía para a aparición do fungo. Os técnicos sinalan que é preciso renovar canto antes os tratamentos, e para quen os aplicou nos últimos días -dende o pasado martes- é “imprescindible” comprobar que a intervención está a ser eficaz. 

 A especialista Rosa Pérez asegura que as condicións de temperaturas altas unidas a unha humidade relativa elevada e a precipitación -ou orballos- están a ser moi favorables ao desenvolvemento do fungo do Mildeu. Estas condicións extremadamente favorables tiveron o seu reflexo nas viñas: así, tras a visita ás parcelas da rede de Areeiro, a outras externas, e “segundo deducimos das consultas de viticultores”, hai manchas novas aparecendo en todas as fincas, mesmo en variedades pouco sensibleschegando os primeiros síntomas a alcanzar o acio. Loxicamente, segundo Pérez, “nas plantas testemuña case a totalidade de follas e todos os acios aparecen con síntomas que en moitos casos acadan a toda a superficie, polo que haberá que renovar canto antes os tratamentos, quen non o fixera xa despois das choivas do martes, en cuxo caso é imprescindible comprobar que a intervención foi eficaz”. 

 En canto ao Oidio, a pesar de que algúns días e durante varias horas as condicións climáticas tamén foron favorables ás infeccións, a incidencia, polo menos nas fincas visitadas, é inferior ao Mildeu. A recomendación dos técnicos, neste caso, apunta a que dado que a viña se atopa en período sensible ao fungo é conveniente seguir engadindo un antioídio cando se realice un tratamento antimildiu, sobre todo porque o patóxeno é moi difícil de frear cando se estende na viña. 

 Por outra parte, estanse a detectar plantas afectadas por alteracións da madeira que tamén sofren incrementados os síntomas asociados. “Lembren que se as alteracións da madeira afectan a un só brazo este pode eliminarse (aplicando mástic con funxicida no corte) e que, se non é así, é conveniente marcar as plantas afectadas”, explica Pérez, para engadir que tamén nesta semana “empezamos a observar puntualmente os síntomas típicos dunha insolación excesiva (golpe de sol) nos grans daquelas fincas en que o esfollado se fixo dun xeito demasiado intenso, e non moderado”. 

 Pataca 
 No referente á pataca e ao Mildeu, as condicións nocturnas favorables que se rexistraron esta semana provocaron que mesmo en fincas onde o anterior tratamento estaba aínda recente, continuasen aparecendo síntomas e esporulación viable. Por este motivo, se non se renovou estes últimos días a intervención, será preciso facelo. E, como xa se dixo a semana anterior, será “imprescindible” nestes casos prestar atención ao prazo de seguridade nas fincas onde se estean a levantar plantas para aproveitar os primeiros tubérculos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario