16 de xuño de 2017

LABORAL

NOVA MOBILIZACIÓN ÁS PORTAS DE GKN DRIVELINE

Reclaman que se aplique o protocolo de stress térmico e climatización que evite desvanecementos do persoal



Operarios participantes na mobilización convocada hoxe pola CIG e a UGT ás portas de GKN Driveline de Vigo para reclamar unhas condicións laborais dignas
Fotos: CIG


Infogauda / Vigo

 As imaxes corresponden á mobilización convocada hoxe pola CIG e a UGT ás portas de GKN Driveline de Vigo para reclamar unhas condicións laborais dignas. A protesta tivo lugar ás portas da empresa situada na Zona Franca de 13:30 a 14:00 horas.

 Como xa informamos oportunamente, a  sección sindical da CIG en GKN Driveline de Vigo (antiga Indugasa) vén de denunciar publicamente os problemas en seguridade e saúde laboral que se rexistran como consecuencia das altas temperaturas. Así, reclámanlle á empresa que aplique o protocolo de stress térmico e que instale un sistema de climatización en condicións para evitar os desvanecementos que se teñen producido entre o cadro de persoal.  

 A representación sindical da central na compañía do sector da automoción sostén que as condicións de saúde laboral non cumpren cos parámetros legalmente establecidos, en concreto o R.D. 486/97 de 14 de abril sobre disposicións mínimas de seguridade nos lugares de traballo, e lembran que levan dende o ano 2012 requiríndolle á dirección que “tome en serio o problema do stress térmico na fábrica de Vigo”.

 Segundo indican fontes da CIG, a empresa conta cun protocolo que prevé temperaturas de 45 graos dentro das instalacións, só facilitando auga e facendo paradas a partir dos 36. “Isto fai que os traballadores/as teñan que soportar xornadas a máis de 30 graos sen que a empresa faga nada para evitar esta terríbel situación que padece o persoal de taller”.  

 Neste senso, sinalan que o real decreto 486/97, que regula as condicións ambientais dos lugares de traballo, marca uns parámetros de entre 14 e 25 graos. “Mais nos pasados días 23 e 24 de maio estivemos a máis de 40”.  

 Ante a situación de perigo que se viviu neses días para a integridade física dos traballadores/as, dende a CIG reclamáronlle á empresa que active o protocolo de stress e se apliquen as medidas que contempla. “A resposta da empresa é que non se vai aplicar até o 1 de xuño, como se a calor fose un factor determinado polo día e o mes do ano”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario