13 de xuño de 2017

O ROSAL

CONCERTO DO CUARTETO DE TROMPAS "CATROCORES"

sábado día 17 de xuño ás 20:00 h. no Auditorio do Rosal


Informa: Agrupación Musical do Rosal

 A Agrupación Musical do Rosal convida a veciños e visitantes a un concerto de cámara que terá lugar este sábado día 17 de xuño ás 20:00 h. no Auditorio do Rosal, a cargo do Cuarteto de Trompas "CatroCores".  

 CatroCores é un cuarteto formado por trompistas galegas que tras levar experimentado durante anos o que é tocar xuntas no seo da orquestra sinfónica, decidiron no ano 2016 extrapolar esa boa conexión sonora no terreo da música de cámara co fin de achegar a música para este tipo de agrupación a todo tipo de público. 

 O grupo está formado por Alma Sarasola Pontón, Aida Lozano Beceiro, Mónica García Bereijo e Ana Vergara Pérez (compañeira nosa na Agrupación Musical do Rosal). 

 O seu obxectivo é dar a coñecer ao público distintos estilos musicais adaptados ou compostos para este conxunto instrumental tan pouco común ao tempo que experimentan e xogan co abanico de cores sonoras que un instrumento como a trompa lles ofrece.  

 O resultado é un programa cun repertorio cheo de sorpresas. Sigue unha liña temporal en relación a época na que foron compostas as obras, máis é moi ecléctico. Vai dende a “elegancia barroca” de Telemann ata o clasicismo romántico de Dauprat para na segunda parte abarcar o final do século XVIII e comezos do XIX co compositor alemán Bernhard Weber cunha música máis rítmica e máis próxima á música do S.XX. Continuará o concerto xa no século XX con música con tintes nacionalistas, da man do compositor ruso Nikolai Tcherepnin e as súas melodías do mundo. Pechará o programa con música na liña do jazz, nunha escolla dos números máis distintivos das Fripperies de Lowell Shaw.

Ningún comentario:

Publicar un comentario