23 de xuño de 2017

DEPORTES

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aproba un convenio coa Fundación Celta de Vigo para a divulgación e o fomento do deporte entre a mocidade da provincia 

Este convenio forma parte da ducia que xa se asinaron cos clubs deportivos de elite da provincia de Pontevedra  

Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Pontevedra
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 O Goberno de Carmela Silva acaba de aprobar un convenio de 200.000 euros para que a Deputación de Pontevedra e a Fundación Celta de Vigo colaboren na extensión cultural e fomento de actividades deportivas que beneficien á infancia e á mocidade da provincia de Pontevedra. A través deste convenio, divulgarase os valores da práctica deportiva e impulsarase a súa promoción entre a infancia e a mocidade da nosa provincia.  

 En concreto, a Fundación Celta de Vigo permitirá que escolares da provincia de Pontevedra poidan percorrer as instalacións do Museo do Real Club Celta de Vigo, coñecer a súa hemeroteca e observar os audiovisuais que alí se gardan para descubrir a historia dun dos clubs deportivos máis importantes de Galicia. Ademais, tamén se persegue que as nenas e os nenos pasen un día agradable practicando actividades deportivas coas súas compañeiras e compañeiros baixo a tutela de profesionais especializados. 

 O convenio entre a Deputación de Pontevedra e a Fundación distribuirá, asemade, entradas para que xogadoras e xogadores das escolas de fútbol e escolas deportivas municipais poidan ver os partidos do Celta e bolsas ou descontos para que monitoras e monitores das escolas deportivas municipais da provincia poidan acudir a cursos que organice a Fundación Celta de Vigo.  

 O firme compromiso da institución provincial co deporte tradúcese en que co convenio aprobado pola Xunta de Goberno xa se completan os doce que este ano se asinaron cos clubs deportivos de elite da provincia de Pontevedra. Así, nestes primeiros seis meses de ano, aprobáronse xa convenios de patrocinio por valor de 900.000 euros co Balonmán Cangas, Balonmán Porriño, Atlético Guardés, Celta de Vigo, Pontevedra CF, Coruxo CF, Club Ciclista Froiz, Club Ciclista Rías Baixas, Asociación Deportivo Vincios, AMFIV, Gimnástica de Pontevedra e Fútbol Sala Poio.  

 Os doce convenios asinados cos clubs deportivos de elite da provincia intégranse na modalidade de patrocinio e están sometidos ó cumprimento de condicións e ó control financeiro. Ademais, os convenios contemplan tamén a aposta do novo Goberno da Deputación polo deporte feminino e o deporte adaptado, incluíndo aos grandes clubs femininos que compiten na elite deportiva, como o Balonmán Porriño, o Atlético Guardés e o Fútbol Sala Poio, e tamén a un gran club do deporte adaptado como é o AMFIV.

Ningún comentario:

Publicar un comentario