16 de maio de 2017

PONTEVEDRA

OS EXPERTOS INTERNACIONAIS CUALIFICAN O PLAN REVITALIZA DE COMPOSTAXE DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA COMO UNHA EXPERIENCIA “REFERENTE” EN EUROPA  

O director técnico de residuos do Norte de Italia, Michele Giavini, asegurou que “a nós interésanos tanto aportar a nosa experiencia como aprender do que está a facer a Deputación”  

O vicepresidente Mosquera sinalou que o plan provincial, inspirado nos modelos austríaco e italiano, só se diferencia en buscar o “desprazamento cero” do lixo  

O vicepresidente provincial César Mosquera cos expertos internacionais que esta semana están a pronunciar as súas clases maxistrais na ‘Facultade da Compostaxe’
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 Os expertos internacionais que esta semana están a pronunciar as súas clases maxistrais na ‘Facultade da Compostaxe’ cualificaron hoxe o Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra como unha experiencia de xestión do lixo que “é e será un referente en toda Europa”. Tanto o director técnico de residuos do Norte de Italia, Michele Giavini; o ideólogo do modelo austríaco de compostaxe, Florian Amlinger; como o consultor Frederic Puig, acompañados do consultor galego Ramón Plana e do asesor provincial Carlos Pérez, sinalaron a aposta do goberno provincial por botar a andar un proxecto de compostaxeque, ademais de educar á poboación e acadar melloras a nivel ambiental, permite un aforro económico para os gobernos locais.  

 O vicepresidente provincial César Mosquera agradeceu a presenza de todos os relatores e recoñeceu que o Plan Revitaliza tomou como referencia dous modelos de compostaxe: o austríaco e o do Norte de Italia, que demostraron ser os máis exitosos de Europa. Segundo explicou, “tratamos de aprender da experiencia; os principios que seguimos son os mesmos, pero temos que trasladalos á realidade de Pontevedra, xa que nas súas localidades de orixe son diferentes por cuestións económicas.  É unha honra ter a estas figuras internacionais con nós e poder debater e contrastar con eles para formar aos nosos mestres e mestras composteiras”.   

 Mosquera destacou que en Pontevedra non se queren mimetizar os modelos, senón que a intención é apostar polo “quilómetro cero”, ou o que é o mesmo, trasladar o menos posible o lixo para o seu tratamento. “Nós apostamos polos composteiros individuais e os comunitarios, polo ‘desprazamento cero’ do lixo. En Austria si hai desprazamento e en Italia moito máis. Nós temos que aproveitar a relación que temos nas nosas comunidades”, subliñou o vicepresidente, para engadir o dato de que o lixo orgánico da terceira parte da poboación de Pontevedra pode ser tratado ‘in situ’ en centros de compostaxe comunitarios como os que xa hai instalados en 23 concellos.  
Italia, Austria e Cataluña 
 O ideólogo do modelo austríaco de compostaxe, Florian Amlinger, sinalou hoxe na ‘Facultade da Compostaxe’ que o Plan Revitaliza é unha iniciativa importante para dar resposta a un modelo de poboación diseminada como é a galega e cumplir a normativa europea. Así mesmo, destacou o feito de que a Deputación se decidise a formar especialistas na materia (os mestres e mestras composteiros) ten un grande potencial porque, asegurou, serán “multiplicadores das bondades da compostaxe entre a sociedade”.   

 Amlinger explicou que en Austria a compostaxe empezou a aplicarse en Viena en 1986 e que, dende un primeiro momento, se buscou unha simbiose cos agricultores. “Agora mesmo temos unhas 400 plantas de compost cunha capacidade de tratar unhas 2.800 toneladas de lixo orgánico por ano. A nosa característica é que son plantas moi pequenas e descentralizadas, o que é único en Europa porque en Alemania ou os Países Baixos a escala é moito maior”, subliñou. O técnico indicou que o compromiso dos agricultores é fundamental para o funcionamento do tratamento dos residuos municipais, xa que son os responsables da recollida do lixo e do seu procesado para logo obter o compost co que fertilizan as súas terras. “O agricultor é consciente da importancia da calidade do compost no solo, porque comproba que a calidade e cantidade da súa produción é moi alta,… por iso está interesado en que a compostaxe se faga de xeito correcto”, asegurou.  

 En canto á colaboración con empresarios do sector agropecuario tal e como se fai en Austria, o vicepresidente Mosquera destacou que a Deputación mantén esa posible liña de colaboración aberta. Subliñou que dende o inicio do Plan Revitaliza os técnicos provinciais puxéronse en contacto con diferentes empresas gandeiras e vitivinícolas, pero de momento ningún empresario deu o salto a asumir unha parte do tratamento de lixo municipal. “Esa vía segue aberta”, asegurou.  

 Pola súa banda, o director técnico Michele Giavini falou na ‘Facultade da Compostaxe’ dos diferentes modelos de recollida de residuos (tamén da fracción orgánica) que se poden aplicar tanto no rural como en poboacións  máis densas como pode ser Milán, a localidade italiana con máis habitantes das que traballa. Giavini plantexou un debate sobre a necesidade da descentralización do tratamento do lixo e subliñou que o custe de recollidas porta a porta pode ser incluso máis eficiente e proporcionalmente máis barato que outros sistemas que a priori parecen máis económicos.   
 Ademais, o italiano salientou que nestes momentos o goberno italiano está a elaborar unha nova lei de compostaxe comunitaria que está a ser moi controvertida pola obligatoriedade de tratar o lixo orgánico de localidades pequenasen plantas industriais en lugar de en centros comunitarios. Neste sentido, Giavini sinalou que “a nós interésanos tanto aportar a nosa experiencia como aprender do que está a facer a Deputación” no referente ao compostaxe comunitario.   

 Por último, o consultor da empresa catalana Spora, Frederic Puig, fixo un percorrido polos diferentes modelos de recollida selectiva que se aplican a día de hoxe en toda Europa e subliñou que os obxectivos da Unión Europea son chegar a un 65% de reciclaxe, cando a media galega está nun 15%, e a española, na teoría, apenas acada o 30%.  

 Puig asegurou que a materia orgánica é o 40% da bolsa do lixo e que os residuos orgánicos están formados nun 95% de auga. “Levar auga a queimar a unha incineradora xa non só é un atentado ambiental, tamén é unha brutalidade a nivel enerxético”, asegurou, por iso destacou que o Plan Revitaliza nun lugar como Pontevedra, con tanta dispersión poboacional, é o “modelo perfecto, xa que cando máis se fracciona o tratamento do lixo máis fácil é de tratar de xeito natural, como ocorre coa compostaxe”.   

 “Aquí hoxe na ‘Facultade da Compostaxe’ están técnicos internacionais que son referentes, pero en Pontevedra tamén tedes grandes expertos, e a experiencia de Pontevedra –o Plan Revitaliza-, por recursos, obxectivos e número de poboación, pola vontade política en aplicar o modelo da compostaxe, é e será un referente a nivel europeo seguro”, finalizou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario