PRETO DE 3 MILLÓNS DE EUROS PARA O TERRITORIO TRANSFRONTEIRIZO DO MIÑO
O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez cualificou de “histórica” a concesión dos fondos do POCTEP anunciados hoxe, xa que a contía “é máis alta destinada a un proxecto común e global para a mellora e desenvolvemento da fronteira do Miño”
Deputación e CIM Alto Minho volverán presentar proxectos á vindeira convocatoria de fondos europeos para aumentar as actuacións proxectadas
O río Miño, vertebrador natural do territorio transfronteirizo galaico-portugués
Foto: D.P.
Infogauda / Baixo Miño
O territorio transfronteirizo do Miño beneficiarase dun investimento de preto de 3 millóns de euros grazas á concesión dos fondos europeos do programa Interreg VA-POCTEP anunciada hoxe. O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez cualificou de “histórica” a aprobación dos proxectos presentados pola Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho e subliñou que a contía dos fondos aprobados “é a máis alta destinada dende a UE a un proxecto común e global para a mellora e desenvolvemento da fronteira do Miño” dende a construción das diferentes pontes entre o Sur de Pontevedra e o Norte de Portugal.
Benítez destacou que os cartos que se investirán, dous millóns de euros dentro do programa ‘Visit Rio Minho’ e 942.022,47 euros do programa ‘SmartMinho’ (dos que a UE aporta o 75%) beneficiarán a todos e cada un dos concellos da raia (A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra, As Neves, Arbo e Crecente, xunto coas câmaras portuguesas) e destinaranse ao deseño estratéxico do territorio, con intervencións inmateriais e culturais para poñelo en valor e fomentar o turismo. Así mesmo, relanzarase o plan de transportes transfronteirizo que leva tempo en proxecto. Todas as actuacións, segundo asegurou Benítez, serán xestionadas pola nova Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Río Miño que está a piques de ser aprobada de xeito definitivo.
A concesión destes fondos europeos supón un grande paso adiante para o desenvolvemento do territorio do Miño. Hai que ter en conta que se trata da primeira vez que a Deputación de Pontevedra, a través da nova área de Cooperación Transfronteiriza creada polo novo goberno provincial da man do deputado Uxío Benítez, se implica -con éxito- ao solicitar fondos europeos nunha candidatura de estratexia común que propón un concepto global do Miño transfronteirizo. É preciso destacar que na Península Ibérica só foron admitidas 130 candidaturas escollidas entre centos de programas presentados relacionadas coas fronteiras e, en dúas delas, a Deputación de Pontevedra e o territorio do Miño son protagonistas.
Logo da confirmación da concesión dos fondos que chegou hoxe será preciso realizar a sinatura dos convenios co POCTEP, actualizar os proxectos adaptándoos ao territorio de xeito definitivo, e presentar as intervencións finais. A intención é desenvolver os primeiros estudos, proxectos e actuacións no que queda de ano.
O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, destacou que a Deputación ten como obxectivo seguir optando a máis fondos europeos en vindeiras convocatorias xa que existen máis iniciativas para o territorio do Miño.
Problemas de forma solucionados
A aprobación da candidatura e dos fondos para o proxecto ‘Visit Río Minho’ coñecida hoxe supuxo para a Deputación de Pontevedra a confirmación de que o traballo para desenvolver a fronteira do Miño tiña unha base sólida. Hai que lembrar que nas últimas semanas a Deputación e a Comunidade Intermunicipal (CIM) Alto Minho tiveran que plantexar un recurso, que finalmente foi admitido, logo de que se considerara que había un defecto de forma na presentación.
A proposta galego-portuguesa fora introducida na plataforma telemática da UE por un funcionario da CIM cuxa sinatura non estaba autorizada, o que supoñía que o documento nin sequera ía ser analizado no seu contido: simplemente quedaba fóra.
Unha vez salvado este primeiro contratempo, a candidatura de cooperación transfronteiriza dos concellos do Miño acaba de pasar o segundo filtro: o comité de valoración, logo de analizar as actuacións propostas para as que se solicitaba financiamento, resolveu de xeito positivo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario