15 de maio de 2017

CAMPOSANCOS (A GUARDA)


Resposta do Alcalde Pedáneo de Camposancos ás falsas acusacións do BNG


 O pasado 3 de maio a concelleira do BNG na Guarda e vogal da Entidade Local Menor de Camposancos Mercedes Martínez acusou, a través dos medios de comunicación, ó Alcalde Pedáneo de mentir acerca da relación que mantén esta entidade coa Asociación S. Xerome Emiliani para a limpeza de camiños en Camposancos.

 Diante do despropósito que representan as declaracións feitas pola vogal do BNG, como presidente da Entidade Local Menor de Camposancos, quero manifestarlle que falta vostede á verdade para tentar danar a miña honorabilidade, non sei se por ignorancia ou de forma intencionada.

 Como vostede sabe tódalas intervencións que se fixeron no pleno, tanto pola súa parte como polas vogais do PP e do PSOE, quedan recollidas polo secretario nunha acta e ésta non reflexa para nada o que vostede afirma na súa nota de prensa. Polo recollido na acta e o manifestado polo resto das vogais e asistentes ao pleno o presidente aclarou a relación entre San Xerome e a Entidade e negan o que vostede di. Quen minte Sra. Vogal?  

 Existe unha partida orzamentaria  de 8000 € para "traballos realizados por outras empresas" para a limpeza de camiños pola que se contrataron os servizos doutras empresas e non ao Centro Especial de Emprego S. Xerome.

 Non ten argumentos, nin probas. E incríbel que se atreva vostede e o BNG a realizar semellante acusación sen ningún fundamento, ben porque non estivo atenta ao que se falou ou porque con mala fe e políticas rastreras, queiran danar o meu honor para sacar proveito da situación. As políticas que nestes intres esperan os veciños  non teñen nada que ver co que o BNG da Guarda ven amosando. 

 Espero que recapacite e amose as súas desculpas polo mesmos medios que me acusou, reservándome a posibilidade de iniciar accións xudiciais contra vostede ao faltar a miña honorabilidade. Lémbrese, por favor,  de facer os deberes, traer a lección aprendida e prestar atención ás explicacións que se lle dan. Deste xeito seguro que nos imos a entender mellor. 

 Finalmente só lle pediría que fose coherente, se pode, coas súas propias verbas, que dimita por mentir, por acusar a alguén de mentireiro con mentiras, como vostede mesma expresa no seu comunicado.

Camposancos a 15 de maio de 2017

   Fdo: Rafael Álvarez Martínez
                        Alcalde Pedáneo
(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario